O invento universal do fútbol de mesa foi obra dun fisterrán

Os vínculos que esconde Galicia co mundo do fútbol son moitos máis do que calquera de nós a priori poida imaxinar. Por un lado, en Vilagarcía xogouse o primeiro partido de fútbol da península. Foi en xuño de 1873, aínda que Huelva mantén un contencioso coa capital do Salnés reivindicando para si tal récord. Así mesmo foi un galego, vigués concretamente, Manuel de Castro, o autor do coñecido termo futbolístico "a furia española", que tanto esparexeu o réxime de Franco dende Fisterra á Serra de Gata. En Viveiro, vive o récord do mundo en control dun balón de fútbol. E finalmente o fútbol de mesa, ese aparato que preside unha das zonas máis céntricas de toda cantina, taberna, bar ou salón de xogos tradicional que se prece, foi inventado por Alexandre Campos Ramírez, quen se fixo chamar "Alejandro Finisterre" como homenaxe ao seu pobo natal, Fisterra, onde xa lle foi dedicada unha pequena rúa no centro do pobo ("Rúa de Alejandro Campos Ramírez/Alejandro Finisterre").
Foi en 1937 en plena Guerra Civil durante unha convalecencia nun hospital militar catalán (o futuro inventor fora sepultado nun dos bombardeos de Madrid) cando Campos ideou este universal entretemento para que os seus compañeiros republicanos puidesen xogar a fútbol mentres durase o seu internamento. No deseño primitivo os xogadores estaban confeccionados con madeira de buxo e as pelotas eran de cortiza.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))


