A festa da árbore máis antiga de España

Mondoñedo celebrou xa no século XVI esta primeira exaltación ecoloxista.
A festa da árbore máis antiga de España

Mondoñedo, unha das sete históricas capitais do Reino de Galicia e cidade natal de Álvaro Cunqueiro, celebrou o 4 de febreiro de 1569 a primeira "festa da árbore" de España e quizais de Europa, moitos séculos antes de que este espírito de exaltación ecolóxica se estendese polas comunidades de todo o occidente.

O primeiro cronista da cidade mindoniense, Eduardo Lence-Santar, documentaba en 1927 a orixe, tan adiantada no tempo, desta celebración. Naceu por obra do alcalde Luis de Luaces, quen en 1569 mandou que cada veciño acudise o 4 de febreiro ao campo dos Remedios para plantar tres árbores froiteiras baixo pena de multa se non obedecían a orde. Tras o acto, ofreceu aos veciños unha comida campestre para celebrar a plantación. Neste lugar sitúase hoxe a Alameda dos Remedios e nela álzase un monolito que recorda a secular ofrenda á natureza.

Xa dende os primeiros anos do século XVI aparecen en Mondoñedo ordenanzas municipais instando os do lugar a respectar carballos e castiñeiros. O 28 de marzo de 1503 publicábase unha ordenanza na que se ameazaba cunha multa de seiscentos marabedís a quen cortara de máis os carballos.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

3243 lecturas