Dous dos carballos máis grandes de España

Carballedo e Friol acollen senllas árbores monumentais desta especie.
Dous dos carballos máis grandes de España

É sabido que en toda Galicia resisten árbores e bosques emblemáticos, como proban algunhas das páxinas desta sección. Deterémonos agora en dous carballos da provincia de Lugo: o Carballo do Herdeiro, en Carballedo, e o carballo de Cerracín, en Friol. Ambos os dous son grandiosos, monumentais, impoñentes, únicos. Pero cada un ten o seu enorme aquel.

O municipio de Carballedo, situado ao lado da Ribeira Sacra, entre as provincias de Lugo e Ourense, fai efectivamente honra ao seu nome. Aquí esténdense orgullosos un montón de carballos centenarios. Un deles é o realmente excepcional, o Carballo do Herdeiro, un fabuloso exemplar situado preto do río Búbal no lugar de Casares. Anxo Moure, do colectivo ecoloxista Xevale, afirma que "posiblemente é o de maior perímetro de Europa". Ten unha antigüidade aproximada duns 400 anos e o seu perímetro é de 11,5 metros.

O Carballo grande de Cerracín

A segunda das xoias botánicas localizámola entre os lindes municipais de Lugo e Friol (xa dentro do segundo concello), a uns 14 kilómetros de Lugo pola LU-234 que une Ombreiro e Friol, onde encontramos o Carballo grande de Cerracín (parroquia de Vilalvite). Os veciños din que "ten mil anos e ata Manuel Fraga veu un día a velo. Certamente é un exemplar descomunal: uns 10 metros de perímetro e máis de vinte de alto. Seis enormes e larguísimas pólas parten do seu groso madeiro. Estamos, posiblemente, ante un dos carballos máis voluminosos de España.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

2053 lecturas