Un dos mellores templos suevo-visigodos de España

Galicia foi o único reino independente que os suevos organizaron na súa historia. Construírono durante século e medio, entre os anos 410 e 585 (sabemos que algúns dos seus monarcas foron Hermerico, Reckila, Reckiario, Axiulfo, Frontán... ata o último, Erborico, que entrega o reino aos visigodos, mandados por Leovigildo). O templo de San Trocado de Santa Comba (Bande) está considerado como unha das edificacións da arte suevo-visigodo (ou hispano-visigoda, xa que dende o punto de vista artístico conxuga distintas tendencias dos sucesivos pobos conquistadores) máis importantes de todo o Estado español, ou ao mellor, segundo sostiña Otero Pedrayo; en calquera caso estamos ante unha verdadeira reliquia.
Conserva elementos da época da romanización como un miliario que serve agora de fuste a unha pila bautismal, e o templo posiblemente existía xa como tal no século VII. Arredor dos séculos IX e X foi obxecto dunha importante restauración. En 1931 logrou a declaración de Monumento Histórico-Artístico. A igrexa, situada no medio da parroquia de Santa Comba, está perfectamente conservada, de aí a súa excepcionalidade. Encóntrase preto da vía romana XVIII e do campamento romano de Aquis Querquennis.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))