Unha das praias máis espectaculares do litoral español

A praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo, é a sublimación de canto capricho da natureza un puidese ver polos areais de España. Aquí as rochas, tras o diálogo co mar Cantábrico, eríxense en fastosos monumentos góticos e forman arcos, cúpulas, bóvedas, espadanas, covas e pasadizos segredos onde corre a auga por enriba da area branca e pura dun litoral paiolo.
Este lugar era practicamente descoñecido ata a década dos noventa. Agora, durante a baixamar (pois é coa marea baixa cando hai que visitalo), e en pleno verán, é unha verdadeira misión de xentes percorrendo a rotundidade da paisaxe, alzando a súa mirada aos altos e, se hai tempo, dándose un baño nestas augas mornas, en comparación coas cuasi-xélidas das Rías Baixas. Dende o mar é onde mellor se aprecia a maxestosidade do litoral, liberados de turistas, ruídos e demais interferencias, e só escoitando o bramido das ondas que bican as rochas.
Os biólogos explican este fenómeno de As Catedrais por un tipo de alteración de carácter químico realizada polo mar: como consecuencia do impacto da onda na base dun acantilado prodúcese unha pulverización da auga que ataca quimicamente ás rochas producindo a súa destrución e a formación de lugares como este.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))