Unha das pontes colgantes máis importantes do mundo

Rande foi a primeira ponte tensada coas súas dimensións.
Unha das pontes colgantes máis importantes do mundo

Alí onde a ría de Vigo estreita máis álzase maxestosa unha magnífica obra de enxeñaría, a Ponte de Rande, unha das pontes colgantes máis importantes do mundo. Cando foi inaugurada, en 1981, era a primeira ponte tensada da Terra nas súas dimensións. Pórtico de entrada polo norte á maior urbe de Galicia. Rande é toda unha apoloxía do formigón que aquí se torna nun espectáculo para a vista e tamén nun dos principais reclamos ou símbolos turísticos da cidade olívica.

Da súa estrutura destaca, en primeiro lugar, a forma en que a ponte toda se suxeita suspendida de oitenta cables rectos, ancorados nos bordos do taboleiro e na parte superior das torres de formigón. Foron precisos dez quilómetros de cableado para manter ergueita a estrutura e todo o material empregado -de sete milímetros de diámetro- alcanzaría posto en liña recta os 2.800 quilómetros de fío metálico.

As torres elévanse 148 metros sobre o nivel do mar. Así mesmo, o tramo central desta magna obra ten, entre as dúas torres, 401 metros de lonxitude ou luz, algo pioneiro na súa época.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1037 lecturas