A catedral máis antiga de España

No templo de San Martiño de Foz (orixinario do século VI) estivo a sede episcopal de Mondoñedo.
A catedral máis antiga de España

Aínda que existe unha gran lagoa documental sobre as verdadeiras orixes do templo de San Martiño de Mondoñedo (Foz), e discrepancias entre os expertos, son moitos os que atribúen a este monumento o feito de ter sido a primeira catedral consagrada como tal en España e quizais en todo o sur de Europa que se conserva en pé. O mosteiro foi berce da sede episcopal da diócese mindoniense e ten a súa orixe nun antigo cenobio do século VI relacionado co mosteiro que San Martiño de Dumio fundou preto de Braga pero que sería trasladado a este lugar tras a invasión musulmá. (A San Martiño de Dumio, o Dumiense, atribúeselle o texto De correctione rusticorum, un libro destinado a converter os suevos á ortodoxia cristiá). A estrutura actual do templo é románica lombardo-catalá (inicios século XII) con posteriores reformas, a última foi a dos contrafortes do século XIX. De San Martiño foi bispo San Rosendo, que logo sería tamén bispo de Santiago de Compostela, e fundador do mosteiro de Celanova, onde morreu.

O profesor Yzquierdo Perrín, que dedicou a esta igrexa o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes, afirma que San Martiño é "un dos máis enigmáticos monumentos de Galicia". Encóntrase aquí, como principal peza escultórica, o que se coñece como antepedium, que posiblemente foi o retablo do primitivo altar románico.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004).

2475 lecturas