Boborás - Pazos de Arenteiro
Vista panorámica de Pazos de Arenteiro.

Nos límites do Ribeiro no ourensán concello de Boborás, e declarado conxunto histórico-artístico en 1973, Pazos de Arenteiro amósasenos coma unha aldea que outrora –alá pola Idade Media e comezos da Moderna- foi importante vila, sede de casas fidalgas e señoriais cuxas raíces se confundían coas das viñas que sustentaban a súa riqueza e poder.
Rúas de trazado medieval, estreitas e empinadas, pazos e casas grandes con ostentosos escudos, pontes hoxe imposibles polas (conta a lenda) loitas napoleónicas, e a Igrexa de San Salvador (s. XIII) –cuxo ábside podemos ver na imaxe- vinculada á Orde de Malta, aquela fundada polos cabaleiros cruzados en Xerusalén para a defensa dos Santos Lugares, trasládannos a lembranza do pasado ilustre deste lugar rodeado de arrebatadores bosques á beira de ríos que, tamén noutro tempo, corrían cargados de prata.
