Centro Gallego de Montevideo

Este centro foi fundado por iniciativa dos irmáns Benigno e Tomás Salgado e Vázquez o 30 de agosto de 1879 na Casa habitación de D. José Maria Quintana e como primeiro presidende tivo ao Dr. D. Antonio Varela Stello. Trátase da institución galega máis antiga do mundo, seguida polas das cidade de Bos Aires e da Habana respectivamente . A Institución naceu -inspirada no ideal de unificación da colonia galega-, a fin de que as súas e os seus membros contasen cun lugar propicio para recordar, practicar, compartir e difundir os seus costumes e tradicións. Nos seus primeiros anos a súa actividade centrouse no ámbito da educación e na protección das e dos inmigrantes. Co tempo ampliou as súas actividades preferentemente no campo cultural, chegando a ocupar no país o terceiro posto como sala de concertos. Entre as súas actividades destacan os ciclos de conferencias, obras teatrais, exposicións, cursos e as celebracións dos aniversarios de Castelao e de Rosalía de Castro e do aniversario da fundación da institución. Así mesmo, destaca a Escola de Danza Rexional Galega, a Escola de Danza Española e o Ballet Folklórico Galego "Alborada" de recoñecido prestixio, con catro décadas as súas costas. O edificio, onde se realizaron todas as actividades desde o nacemento da Institución ata a actualidade, foi contruído no ano 1925 polo arquitecto Alfredo R. Campos, recibindo o recoñecemento do II Congreso Panamericano de Arquitectos realizado en Bos Aires ese mesmo ano. Constitúe unha verdadeira reliquia arquitectónica e é un dos palacios máis fermosos de Montevideo no que se atopan a Sala "Valle Inclán", a Sala de Honra "Rosalía de Castro, a Biblioteca "Concepción Arenal", a súa Sala de Lectura "Castelao", o seu magnífico Restaurante, varias Salas de Reunións, Sala de Xogos e Sala de Ensaios, as cales brindan un amplo servicio e comodidades para os seus asociados e asociadas. Este valor arquitectónico e cultural do Centro, así como o seu excepcional estado de conservación, convertérono nun elemento referencial na arquitectura urbana de Montevideo. Evidencia disto foi a declaración de Monumento Histórico o 29 de xaneiro de 2004. Conta tamén cunha extensión de 28.000 metros cadrados na que está edificado un Parque Social e Complexo Polideportivo dirixido, sobre todo, ás e aos xoves descendentes de galegos e galegas a través das súas actividades deportivas, sociais e culturais. Para rematar, cómpre destacar o gran número de personalidades que desfilaron polo Centro Gallego ao longo da súa extensa vida, nomes propios da cultura galega e española como: Gregorio Marañón, Rafael Alberti, Alfonso R. Castelao, Ramón Otero Predayo, Eduardo Blanco Amor, Juan Zorrilla de San Martín, etc.











