Unhas 150.000 persoas percorreron o Camiño de Santiago no 2009

  • A Oficina do Peregrino adiantou os datos de que, neste 2009, foron 85.945 homes os que realizaron as rutas xacobeas e 59.932 mulleres, todos eles de forma diferente: 120.605 fixérono a pé, 24.892 en bicicleta, 341 a cabalo e 39 en cadeira de rodas.

A peregrinación xacobea é a grande vertebradora da vitalidade espiritual, social, cultural e económica de Galicia, xa que se converteu, nos seus 1.200 anos de historia, nun símbolo de fraternidade para a construción do continente europeo. Hoxe en día, o Camiño de Santiago continúa sendo un foco de atracción para os peregrinos e os viaxeiros de todos os cantos do mundo. Polo menos unhas 100.000 persoas atravesaron no pasado 2008 o Camiño Francés (o que parte de Roncesvalles), a máis transitada das rutas xacobeas. E ata agosto de 2009 (último cuadrimestre actualizado pola estatística da Delegación Diocesana de Peregrinacións do Arcebispado de Santiago de Compostela), 90.951 persoas transitaron as rutas xacobeas. Se durante o 2008 Santiago recibiu un 9,6 por cento máis de persoas en comparación co 2007, para os datos de 2009, que sairán en breve, os números prevense en claro aumento, polo que se espera que a cifra supere nun 16% á totalidade do ano anterior, situándose arredor das 150.000 persoas

A Oficina do Peregrino adiantou os datos de que, neste 2009, foron 85.945 homes os que realizaron os camiños de Santiago e 59.932 mulleres, todos eles de forma diferente: 120.605 fixérono a pé, 24.892 en bicicleta, 341 a cabalo e 39 en cadeira de rodas. Só no 2008, o Camiño de Santiago foi realizado por un total de 125.141 peregrinos, unha cifra que segundo estas estimacións, se superou nun 16 por cento

Non obstante, para o este Ano Santo 2010, a tendencia continúa de xeito alcista. Os meses de xullo e agosto son, tradicionalmente, os de maior concorrencia de peregrinos, non obstante, estase a percibir un fenómeno de desestacionalización, o que producirá nestes meses do Ano Santo unha masificación das principais rutas do camiño.

Nos datos que se desprenden da Delegación Diocesana de Peregrinacións do Arcebispado de Santiago de Compostela obsérvase que a maioría de peregrinos que atravesaron os camiños ao longo destes últimos anos eran estudantes, en concreto 22.714 en 2008. Isto débese a que moitos colexios, institucións ou grupos de mozos se unen cada ano para seguir a pegada do Apóstolo Santiago. Aos estudantes séguelles en porcentaxe os traballadores de media cualificación e os de alta, así como os xubilados, uns 14.884 teñen percorrido as distintas rutas xacobeas no último ano do que se ten constancia.

Dentro do país, a maior mobilización de peregrinos que se aventuraron a percorrer o Camiño de Santiago estivo a cargo de madrileños, cataláns, andaluces e valencianos. Durante o 2008, a maioría destes peregrinos eran estranxeiros, concretamente 64.149, ao que se debe agregar que a maior porcentaxe proviña de Europa, na súa maioría de Alemaña, Portugal, Francia e Italia. Fóra do continente europeo, Estados Unidos e Canadá sitúanse á cabeza dos países emisores de peregrinos.

Recomendacións
Este ano 2010 brinda unha oportunidade única para realizar unha visita guiada ás cubertas do templo compostelán, sempre que se reserve con antelación. Tamén hai que modificar o rito de abrazar o santo tras cruzar a Porta Santa. Esta medida poñerase en práctica para deter os contaxios da gripe A, polo que se recomenda evitar, por exemplo, bicar a figura do Apóstolo, como persignarse en seco, xa que o cabido decidiu baleirar as pilas do recinto para evitar os contaxios.

810 lecturas