«Todos os mozos temos os mesmos intereses, os mesmos ideais e estamos a loitar polo mesmo»

  •  Os asistentes mostráronse «moi contentos» co resultado do I Congreso da Xuventude Galega no Exterior.

Na clausura do I Congreso da Xuventude Galega no exterior, que durou dous días, alumnos como Fernanda Felipe, de Montevideo, mostrábanse «moi contentos» co resultado das charlas. «Formo parte dun grupo que veu a presentar os seus intereses e as súas expectativas», sinalaba Fernanda, quen aplaudía a idea de poñer en marcha un congreso «desta índole». «Polo que vimos -explicaba Fernanda-, todos os mozos, non só os de Uruguai, temos os mesmos intereses, os mesmos ideais e estamos a loitar polo mesmo». «É unha experiencia moi boa», completáballe a súa compañeira, quen tamén viñera dende Uruguai para participar nunhas xornadas que, segundo os participantes, lles servirán á hora de «promover novas iniciativas empresariais no futuro». «Esta experiencia foi enriquecedora, ademais, senta un precedente para lograr unha colectividade máis unida, engadía outra muller de Montevideo que non ocultaba a súa emoción por estar presente en «o primeiro acto de mozos de Galicia no exterior». Se en algo se poñían de acordo os alí presentes era no «produtivo que resultara un encontro con vistas a repetirse no futuro».

As palabras de Mato
Beatriz Mato, Conselleira de Traballo e Benestar, foi a encargada de clausurar o I Congreso da Xuventude Galega no Exterior coa clara mensaxe de que son os mozos que continuarán co «legado galego» nos países do outro lado do charco. Mato insistiu en que, ademais de «manter vivo» o que comezaron os antepasados que emigraron, é necesario «manter tamén viva a iniciativa social a través do voluntariado, as ONGS e as asociacións». A Conselleira de Traballo e Benestar recordou que a Xunta de Galicia está «ao lado» dos mozos para «favorecer todos aqueles mecanismos» que lles axuden no día a día.

A conselleira tamén animou os rapaces a estar «ao tanto das políticas xuvenís» que dende a Xunta se poñerán en marcha, ademais, incitounos a «a participación en actividades de intercambio e coñecemento das raíces». Beatriz Mato declaraba, durante a clausura do programa, que é necesario «apostar pola galeguidade e manter o sentimento de pertenza á comunidade» para que «no futuro» todos traballen nunha mesma liña.

658 lecturas