A segunda xornada centrouse no debate sobre Asociacionismo e formación e emprego

Os asistentes ao I Congreso da Xuventude Galega Residente en Países Europeos participaron durante a segunda xornada nos coloquios «Formación e emprego en Galicia» e «Asociacionismo e Participación».

A primeira das charlas do día tivo como guías ao Director Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais Antonio Vázquez Vázquez e ao Subdirector Xeral de Colocación Jaime Valenzuela Fernández. Cómpre destacar a exposición pormenorizada que realizaron sobre a situación actual do mercado laboral en Galicia. Ambos coincidiron en sinalar a transformación que este sufriu ao longo destes últimos anos, pasando de ser un mercado estático a un de maior dinamismo no que a diversificación de sectores e a transformación global das estruturas de mercado foron conformando o actual modelo laboral galego. 

Galicia conta cun total de 413 centros galegos espallados por 37 países de todo o mundo. Segundo indicou o Subdirector Xeral de Centros e Comunidades Galegas Carlos Sixirei na charla sobre Asociacionismo e Participación, isto supón un enorme potencial posto que «estes centros constitúen unha rede a través da cal se pode configurar un tecido empresarial que baixo o nexo de galeguidade, tería unha importante presenza dentro do mundo globalizado no que vivimos».

1083 lecturas