A recepción no Museo do Pobo Galego

  • Son un total de 126 emigrantes galegos os que participan en dous programas que serven de ponte de unión entre a Galicia emigrante e a Galicia peninsular.

A emoción embargaba aos 126 emigrantes, homes e mulleres, que foron recibidos polo Secretario Xeral de Emigración Manuel Luís Rodríguez o pasado 26 de novembro. Formaban parte da segunda vagada de emigrantes que viaxaron desde os seus países de residencia ata Galicia. Outros 126 participantes procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai, foran recibidos a principios dese mes no Museo do Pobo Galego, icona de Galicia no exterior. 

Arxentina é o primeiro país que máis galegos aporta ao programa, cun total de 117 beneficiarios. A continuación están Uruguai con 49, Cuba con 11 e Brasil con 9. «Estamos moi agradecidos, a cousa está moito mellor do que pensábamos. Non imaxinábamos ser tan ben tratados», indica Dolores Picallo Gerpe, emigrante galega que se acolleu ao programa «Volver á Terra». Dolores comenta o bo recibimento que tiveron desde a súa chegada á residencia de tempo libre de O Carballiño: «Moitas grazas por ese anaco de ceo co que nos agasallaron».

O secretario Xeral de Emigración Manuel Luís Rodríguez lembrou durante a súa intervención o compromiso da Xunta cos emigrantes galegos, destacando a consolidación dos programas sociosanitarios dentro do presuposto da Secretaría Xeral. Tamén animou aos beneficiarios do programa «Volver á Terra» a que gocen da súa estadía en España, durante a cal poderán visitar á súa familia e facer excursións a distintas cidades de Galicia. 

Os 76 participantes de «Ven a Galicia, ben en Galicia», destinado a emigrantes galegos residentes no resto de España e Europa, procedían de Andalucía, Castela e León, Navarra, Comunidade Valenciana, Cataluña e Euskadi. 

Pola contra, os 60 beneficiarios de «Volver á Terra» formaban parte da segunda quenda deste programa que cada ano trae á nosa comunidade a emigrantes galegos residentes en América e que este ano comezou o pasado 3 de novembro. Nesta ocasión todos eles proceden de Arxentina e como novidade están a compartir a súa estadía en España cos participantes no outro programa.

903 lecturas