Os Cursos | Gaita nivel intermedio e avanzado

Tanto en Santiago de Compostela como nos centros de Montevideo, Bos Aires e Caracas acolléronse a máis dunha vintena de alumnos dispostos a aprender a tocar ou perfeccionar o toque da gaita.

José Ramón, profesor de gaita no nivel intermedio nos cursos que se imparten en Santiago de Compostela, móstrase orgulloso co grupo que lle tocou este ano. « Teño de dicir que son un grupo entrenado, traballador, puntual, e sacrificado», asegura.

Os alumnos deste curso tamén se mostraron satisfeitos de participar neste programa, algúns mesmo repiten a exeriencia: «é o segundo ano que veño aquí e estou moi contenta de ter tido a posibilidade porque me parece unha experiencia moi boa», comenta Tamara, que veu desde Berna (Suiza), nun perfecto acento galego.

Mentres que o nivel intermedio de gaita pretende ser ante todo unha maneira de coñecer e identificarse co instrumento e as partes que o compoñen, iniciación á afinación do punteiro e afinación do ronco, o nivel avanzado trata de perfeccionar máis a técnica da afinación e manipulación da gaita.

Verónica Bouzas tamén é de Suiza, en concreto de Xenebra, do grupo A Nosa Galiza. Leva 10 anos tocando a gaita, e é a primeira vez que acode a Compostela ao curso de gaita nivel intermedio. Apunta Verónica que non todos os alumnos teñen a mesma técnica para tocar a gaita: «É unha experiencia boa porque coñécese xente de todos os lados e vese que non tocamos todos do mesmo xeito».

Con respecto á uniformidade no xeito de tocar, responde o profesor de gaita, José Ramón: «A diferencia de culturas faise tanxible nalgunhas cousas, pero noutras, por exemplo na música, intentamos chegar a un fin común, a pesares de que hai xente que colle a gaita por primeira vez, e outros que levan xa un tempo con ela, intentamos darlle un aire común, para que se note que hai un traballo por parte de todos».

942 lecturas