Os asistentes foron recibidos en Frankfurt cunha benvida institucional e varias charlas-coloquio

Durante a primeira fin de semana de outubro achegáronse ata a cidade alemá de Frankfurt un total de 80 mozas e mozos galegos residentes de toda Europa para participar no que foi o I Congreso da Xuventude Galega Residente en Países Europeos.

Viñeron desde Alemaña, Bélxica, Francia, Holanda, Portugal, Reino Unido, Suíza e Andorra. Un total de 80 mozas e mozos galegos, en representación da mocidade galega que aglutinan os centros galegos de toda Europa. O obxectivo: debater durante tres días sobre como impulsar a súa participación na sociedade galega. Para iso, xa desde o primeiro día contaron cunha serie de charlas-coloquio onde analizaron as estratexias a seguir de cara a reforzar a súa participación nos temas de interese para Galicia en materia de xuventude. 

O Secretario Xeral de Emigración Manuel Luis Rodríguez, xunto coa Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia María Dolores Rodríguez Amoroso, foron os encargados de inaugurar oficialmente o congreso e de dar a benvida institucional aos asistentes. Tras o acto de apertura, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual Manuel José Fernández Iglesias moderou a charla titulada Transmitindo unha Galicia Moderna, onde valorou desde o punto de vista do audiovisual o «gran salto» que deu Galicia nos últimos anos. 

E como exemplo de produción galega de calidade proxectouse tamén o filme Pradolongo, recentemente galardoado co IV Premio Ciudad de San Sebastián Film Comission, en recoñecemento ao interesante reflexo dos valores urbanísticos.

869 lecturas