O encontro empresarial foi todo un éxito

  • O Director Xerente da Fundación Galicia Emigración Juan Carlos Pérez Santiago califica de «éxito» a realización destas I Xornadas, que esta entidade organizou conxuntamente con AEGA.

O obxectivo da colaboración entre a Fundación Galicia Emigración e a Asociación de Empresarios Galegos en Arxentina (AEGA) era «trasladar a mensaxe de AEGA fóra de Bos Aires», indica Pérez Santiago, Director Xerente da Fundación Galicia Emigración. «Tivo un éxito importante -continúa Pérez Santiago-, porque participaron persoas de todo o territorio de Arxentina, e en concreto das dúas provincias onde AEGA estaba interesada en montar unha delegación, Mar del Plata e Córdoba».

Estendendo a rede empresarial galega polo mundo
A Fundación Galicia Emigración, entidade de carácter social, xurdiu en 2002 con motivo da crise que atravesaban Arxentina e Uruguai. De aí que traballen principalmente de cara a Latinoamérica, onde crearon o proxecto Galicia en Rede (GAER), que actualmente leva o Igape e no que a Fundación Galicia Emigración colabora. «A finalidade é que todos os empresarios galegos que están fóra, no exterior, se asocien e pertenzan a unha rede mundial de empresarios», apunta Pérez Santiago. A nivel internacional, as próximas xornadas de empresarios galegos están previstas para o mes de xaneiro en Santiago de Compostela, e xa será o III Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Exterior. 

Entre as funcións que a entidade Galicia Emigración realiza atópase a de facer de oficina de información e asesoría para emigrantes, retornados e inmigrantes que viven en Galicia. A maioría das consultas que esta entidade recibe proveñen de Internet, e a pregunta máis común é sobre o acceso á nacionalidade. «Son na súa maioría descendentes de emigrantes que queren saber do tema da nacionalidad, ou como conseguir unha partida de nacemento -indica Pérez Santiago-. Moitas das cuestións que se reciben están relacionadas coa nacionalidade e co retorno». Pola contra, os inmigrantes que residen en Galicia son os que máis preguntan sobre as cuestións de tipo laboral.

803 lecturas