Núñez Feijoo anima aos mozos a levar a Galicia os valores do «novo continente»

  • O presidente galego pediu aos presentes que seguisen adiante coas súas ideas en materia empresarial, malia a situación de crise financeira mundial.

«Nunca hai que temer ao futuro, porque o futuro está nas vosas mans». Con estas palabras de esperanza inauguraba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o I Congreso da Xuventude Galega no Exterior, celebrado o pasado 5 e 6 de decembro en Bos Aires. Co claro obxectivo de resaltar o papel dos mozos no mantemento e o fortalecemento dos lazos entre Galicia e Uruguai, o presidente da Xunta expresou que «a educación é a clave» á hora de manter o contacto coa comunidade galega. Núñez Feijoo mostrouse encantado de ter a oportunidade de asistir ao «primeiro congreso de descendentes de galegos», xa que a mocidade, en palabras do presidente, é a que marca «o futuro da colectividade».

«Agora é necesario que sexades portadores de culturas diferentes, algo que vos capatiza mellor para este mundo plural, cheo de interaccións, influencias e da comunicación global», explicaba Feijoo no medio dun auditorio repleto de mozos con iniciativa en materia de empresa.

«Non asociedes a Galicia co pasado, a galeguidade non é unha reliquia que se adora sen utilizar, non é patrimonio de ningunha idade nin ten que ver unicamente co que os galegos chamamos morriña. Galicia é hoxe unha sociedade moderna, inserida nunha España próspera e partícipe dun gran proxecto Europeo que tivo en Salvador de Madariaga un dos seus pais fundadores,» sinalaba o presidente da comunidade no foro da cidade porteña.

Para Núñez Feijoo, «queda moito camiño por percorrer», non obstante, para facelo correctamente hai que recuperar «a confianza en Galicia e nas súas aliadas», polo que animaba os alumnos a seguir adiante coas ideas en materia empresarial, malia a situación de crise financeira mundial. Necesítavos Uruguai, Arxentina e Galicia para instaurar aquí os valores de Europa, o vello continente, e para levar alá os valores do novo», explicaba un presidente de Galicia que recordaba constantemente que «o futuro» estaba nas mans dos máis novos.

Os obxectivos
Miguel A. Santos Rego, o director Académico do Congreso, recolleu as metas destas xornadas, que pasan por facer os mozos conscientes da realidade empresarial actual. En primeiro lugar, o programa busca constituír un foro de análise e debate en torno aos temas que máis preocupan aos descendentes da comunidade galega. Ademais, o congreso, segundo os seus impulsores, pretende ser capaz de empurrar os mozos á participación nas institucións galegas, co fin de que sexa posible aproveitar o seu capital social e cultural en favor da colectividade. «Canalizar as ideas propostas e telas en conta para o futuro é unha postura moi congruente para avanzar en oportunidades», resumían os relatores nas súas conclusións finais.

En definitiva, para para os expertos, «hase de traballar con proxectos que aglutinen e potencien o diálogo interxeracional, privilexiando aqueles que complementen as características propias de cada xeración,» como por exemplo a experiencia dos maiores nas xestións ou o uso das novas tecnoloxías por parte dos máis novos.

A dificultade dos recursos financeiros
Para os organizadores do curso, un dos aspectos máis negativos á hora de poñer en marcha unha empresa é «a dificultade de acceso aos recursos financeiros». Por iso, suxiren que sexan «as administracións públicas» os que «avalen os plans de negocio viables ante os bancos». Deste modo, poderíase facilitar o acceso ao crédito ás futuras empresas necesitadas. «No tempo que transcorre dende que se toma a decisión de montar a empresa ata que se pode facer, hai que superar unha serie de tramas administrativas e burocráticas excesivas. A proposta para evitar isto é clara: reducir os trámites e incorporar na medida do posible a administración electrónica mediante o uso de Internet», sintetizan uns expertos conscientes de que a limitación económica non é suficiente para deter unha boa idea.

Aínda con estas limitacións, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo elixiu estar presente no I Congreso da Xuventude Galega no Exterior, xa que é un lugar clave para «manter vivos os lazos da cultura galega, así como o espírito da colectividade» cos «galegos do futuro». A estes últimos, Feijoo trasladoulles unha mensaxe de esperanza co fin de que manteñan vivos uns lazos «adaptados aos novos tempos e á xuventude».

748 lecturas