Lorena Lores fusiona a emigración e o tango, pezas clave á hora de estreitar os lazos de Galicia con Arxentina
A cantautora Lorena Lores é filla de galegos orixinarios do Grove (Pontevedra) e creceu dentro da colectividade galega de Bos Aires tendo moi en conta a influencia dos dous lugares separados polo Atlántico.
Aínda que reside en Vigo, Lorena Lores non perde a oportunidade de viaxar polo menos unha vez ao ano a Arxentina, o lugar onde naceu -aínda que a súa familia procede do Grove-. Debido ao seu afán de estreitar lazos entre os dous continentes, Lores é a artista por excelencia da emigración galega a ao país do tango.Desde que comezou o seu traballo, a cantautora arxentino-galega achega ao seu público a historia do tango arxentino e as súas orixes, en plena época de inmigración no Río da Prata, ao outro lado do océano Atlántico.
No seu último traballo, Cabaretango, a artista fusiona as súas dúas culturas e dous países, Galicia e Arxentina, a través do tango e a música celta, como xa fixera nun traballo anterior, Dúas Beiras. Para levalo a cabo, Lores válese da danza, a música, a interpretación e un variado e exquisito vestiario de cabaré de Bos Aires.
Cabaretango é un musical que transmite, segundo os seus coordinadores, "a maxia e a sensualidade dun cabaré de Bos Aires nos anos cincuenta". Os homes italianos e galegos que chegaban a esta zona en busca dunha vida mellor acudían ao cabaré en busca de compañía, o cal acentuaba máis aínda a soidade e a ausencia da muller e do amor, levándoos a unha reflexión introspectiva e melancólica que quedou plasmada na súa música e as súas letras.
Cabaretango divídese en varios capítulos nos que se abordan distintas temáticas sociais, como a emigración e a diversidade, así como outros aspectos da condición humana, como os sentimentos de alegría, o desengano, o amor, a resistencia fronte ao adverso, etc... No espectáculo interprétanse temas clásicos como: El día que me quieras, Cambalache, Garufa ou Se dice de mí.
O primeiro musical
Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Luís Seoane son as figuras ás que Lores rende homenaxe en Dúas Beiras. O espectáculo conta a historia dos emigrantes que partiron de Galicia cara a Arxentina, onde se asentaron e se integraron á cultura do país. Nesta outra beira, Lorena Lores homenaxeou coas súas cancións a Astor Piazzola, Aníbal Troilo, Alfonsina Storni, Carlos Gardel, Tita Merello e as Nais de Praza de Maio, nun espectáculo que sumou á música e a danza, a interpretación.
Francisco López, director xeral de Promoción e Difusión Cultural, comentou na última actuación da artista en Galicia, que a idea de Lores pasar por "pretender achegar os nosos escritores e a nosa cultura a través doutros medios populares da tradición musical e folclórica co obxectivo de sementar a obra e a memoria dalgunhas das figuras máis destacadas da historia da nosa emigración".
Para o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, en Dúas Beiras conflúen "a música, a danza e o audiovisual" configurando "un musical atractivo no que se recrea unha época da nosa historia, a época da emigración aos distintos países de América".
Os musicais de Lores, unha artista clave e das máis recoñecidas que trata o tema da emigración, recordan o histórico encontro de dúas culturas, a galega e a arxentina, como froito da epopea colectiva que significou a emigración.
Por medio da música e a danza réndese homenaxe ás grandes figuras que tiveron un papel sobresaínte nos campos artístico e cultural de ambos os dous dous países. Dende Castelao, que morreu en Bos Aires hai uns 60 anos, ata as clases máis humildes pódense ver reflectidas no seu escenario. Os emigrantes galegos, non só en Arxentina senón en todos os países de América cuxa presenza era enorme, contribuíron ao desenvolvemento da riqueza económico de ambos os dous lados. A man de obra campesiña era dominante na emigración galega, por iso, eles realizaron os traballos duros e humildes que ultimamente se plasman na arte, no debuxo e nos escenarios.
A autora
A cantautora Lorena Lores é filla de galegos orixinarios do Grove (Pontevedra) e creceu dentro da colectividade galega de Bos Aires. Cos seus espectáculos, Lorena Lores rememora a historia galega da emigración; iso si: sempre invitando ao espectador a meditar sobre o cruzamento de culturas ao outro lado do Atlántico.