A historia dunha estudante brasileira que se namorou «das persoas, da comida e da paisaxe galega»

Carolina Pádua viaxou ata Galicia dende Brasil. «A miña experiencia foi moi boa en España dende o inicio», conta a moza estudante de Comunicación. «Estiven unha semana na pensión e as persoas de alí tratáronme moi ben. Sentíame un pouco soa porque non coñecía ninguén, entón decidín viaxar ata Barcelona e Londres ata que empezaron as miñas clases», recorda. Xa na Universidade, Carolina Pádua conta que foi recibida «de forma exemplar». «Os rapaces da Universidade da Coruña, e tamén os profesores, tiñan curiosidades sobre a miña cultura e o meu país; e sempre me preguntaban se tiña algunha dificultade para entender as clases», sinala a moza. En referencia ao idioma, o galego, a moza explica que, ao ser de Brasil, non lle pareceu «complicado».

Para Carolina Pádua, a experiencia en Galicia non pode ser mellor. Non obstante, non era a primeira vez que viña: «O ano pasado, en xullo, estiven un mes en Santiago de Compostela porque obtiven unha bolsa no curso de español onde estudaba en Brasil. Namoreime de Galicia, das persoas, da comida e a paisaxe», confesa.

A estudante recoñece que por medio desta experiencia coñeceu moita xente de sitios «que nunca pensarías poder coñecer», cos que agora iniciou unha amizade. «Fixen amizade con facilidade con moita xente e coñecín tamén brasileiros que viñeron a estudar o mesmo ca min. Con eles lévome mellor polas afinidades co noso país». Non obstante, esas afinidades que comenta Carolina Padúa e que a unen cos seus compañeiros non impiden que «hoxe en día siga saíndo con amigos españois de clase».

Cando se lle pregunta a Carolina Pádua se sabía algo sobre a Universidade dá Coruña antes de vir, recoñece que non sabía moito, pero o que me dicían na miña Universidade en Río de Janeiro era que pagaba a pena vir». «Son un pouco impulsiva e, aínda que non coñecía moito a cidade, decidín vir», afirma.

E agora ve que tiña razón. «A universidade ten moi bos profesores e unha infraestrutura mellor que a miña universidade de orixe, pero tamén vexo todo algo menos aproveitado. Na miña universidade os alumnos crean videos e traballos incribles co pouco equipo técnico do que dispoñen e aquí, ás veces, custa dar o paso».

Malia algunha diferenza, Carolina Pádua recoñece que non tivo trabas na súa viaxe. «Non» houbo «moita burocracia na Universidade, conseguín un bo piso sen problemas ou preocupacións e xa sabía moito sobre a vida de aquí, porque tiña un amigo que veu antes e me dixo todo sobre o transporte e os mellores sitios de compras. E a sesta», chancea.

Para Carolina Pádua, todo estudante universitario debería intentar aproveitar a opción de viaxar ata Galicia, así como a outros lugares, co fin de aprender e vivir experiencias memorables.

985 lecturas