Fina e Bene, 50 anos sen pisar Galicia

  • Moitos dos que esperaban en Lavacolla confiaban en que as fotos que tiñan dos seus familiares fosen suficientes para poder poñerlles caras.

A historia de Nieves Jarazo é moi parecida á dos personaxes que enchían a saída de viaxeiros do aeroporto santiagués de Lavacolla.

Familiares directos, parentes menos achegados e amigos había anos que non vían aos que partiron décadas atrás cara a Arxentina, Uruguai, Brasil ou Cuba para encontrar un futuro mellor.

Foi o caso de Fina Jarazo, quen marchou en 1959 a Bos Aires xunto ao seu marido, cando aínda era moi novo. 18 días en barco, mareos e moita morriña acosárona nada máis ao chegar ao continente americano. Non obstante, superou ben o período de adaptación e agora, 50 anos despois, afirma que vive «moi ben» en Bos Aires.

A súa irmá, Neves Jarazo, esperaba xunto ao resto dos familiares a súa chegada. Eles recoñecían que non saberían moi ben se distinguirían a Fina entre o resto de viaxeiros, pero confiaban que as fotos que lles chegaran nas datas claves, como en Nadal ou nos aniversarios, serían suficientes para poñerlle cara á súa irmá. Así que estiveron a esperar boa parte da mañá para vela saír. Pero a memoria, ao igual que as fotografías, falláronlles. Nun primeiro momento, non recoñeceron a Fina cando saía de entre a cola dos centos de emigrados que viñan de Bos Aires. Así que a súa familia tivo que dirixirse ata os buses que levaban aos galegos emigrados a un centro do Carballiño para preguntar por Fina Jarazo, que os esperaba cos brazos abertos.

55 anos sen pisar Galicia
Chámome como o Papa, pero prefiro que me digan Bene», chanceaba un pontevedrés que levaba sen pisar 55 anos Galicia. «O primeiro que vou facer é ir a ver o meu irmán a Barcelona», comentaba, xa que dende que se foi, cando nin sequera tiña 17 anos, non estivera en España.

Bene recoñecía que «mantiña a relación cos seus familiares» e que «falan moito por teléfono», aínda que non se vían. E que sentes agora?, preguntábano os xornalistas. «Algo que non podo expresar con palabras», contestaba emocionado.

633 lecturas