Facebook, a segunda casa dos emigrantes galegos

Unha rápida busca na rede social revela polo menos uns dez grupos que teñen como finalidade conectar galegos que viven noutros países.

A rede social máis popular de España converteuse na aldea global dos galegos emigrantes. Unha rápida busca en Facebook revela, polo menos, dez grupos que teñen como finalidade poñer en contacto galegos que viven noutros países.

Titulados Galegos no mundo hai catro grupos. O total de membros destes grupos suma máis de 1.120 persoas. A comunidade virtual de emigrantes galegos tamén se reúne en torno de grupos como Nación Mundial Galega, que define na súa descrición que «onde queira que habite un galego ou unha galega, existe a nosa Nación».

Con case 1.300 membros, Uniendo galegos polo mundo é un espazo de encontro destinado aos galegos e galegas «que se achan por algún rinconcito do mundo" E tamén para os que non o son, pero senten algo especial por esta marabillosa terra que non remata nos seus límites xeográficos». Os participantes contan as súas experiencias e tamén poden compartir fotos e vídeos que teñen que ver con Galicia e coa temática da emigración. Outros que forman parte destas comunidades virtuais son os descendentes de emigrantes galegos, xeralmente buscando polas súas orixes en Galicia.

Tamén a través de Facebook os galegos encontran outros foros de interese, como a web Fillos de Galicia, que se auto define como «a primeira e máis importante rede social galega dá diáspora». O seu grupo en Facebook reúne máis de 1.600 persoas e está relacionado cunha páxina web de mesmo nome, dedicada a actividades que faciliten o achegamento dos emigrantes galegos e os seus descendentes ás súas orixes tanto culturais coma familiares de Galicia.

A páxina ten enlaces a outros blogs e sitios web relacionados coa temática da emigración, como o planetagalego.org ou reencontrosdefillos.blogaliza.org.

1018 lecturas