As experiencias no estranxeiro rexistradas na blogosfera

Os emigrantes utilizan estes espazos na rede para contar como é vivir noutro país e compartir información.

Se antes eran necesarios meses para que chegase a Galicia unha carta con noticias dos familiares que emigraron, hoxe os blogs permiten acompañar case instantaneamente as experiencias dos que forman parte da Galicia exterior. Nestes espazos da rede, os galegos que residen en diversas partes do mundo contan as súas experiencias e comparten información.

Creado no 2008, o blog colectivo Global Galicia reúne a decenas de galegos que dende os seus países de acollida contan onde están, que fan, como viven os galegos polo mundo e como se ve Galicia dende fóra da comunidade.

«O blog permitiume ver como lle vai a outros paisanos polo mundo adiante. Actualmente estou a participar en Global Galicia tratando de crear un manual con consellos prácticos para xente que queira intentar vivir en Dublín. Máis adiante teño previsto falar doutros aspectos relativos á cultura dublinesa e irlandesa», conta Javier Berro, que dende 2009 vive en Irlanda. Ademais dos blogs de galegos, Berro destaca outros españois famosos da blogosfera, como Héctor García, autor de Kirai - Un geek en Xapón.

A través da súa participación no blog Global Galicia, María de los Angeles Fernández coñeceu moitos outros galegos que, como ela, emigraron. Residente en Chile dende 1985, Fernández cre que as redes sociais permiten manter o sentido de pertenza e de identidade galegos.

«O blog tamén posibilita extraer unha mostra relevante dos temas que preocupan aos galegos no exterior. Dáme a impresión de que o ensino do idioma galego, as migracións postmodernas e o tema das autonomías concitan grande interese nun foro desta natureza, a xulgar polos comentarios e o debate que alí se suscita», comenta Fernández.

En Global Galicia pódese encontrar enlaces para blogs persoais de emigrantes galegos e tamén conta cunha páxina de mensaxes para aqueles que buscan algún familiar en Galicia ou noutras partes do mundo.

922 lecturas