A eficacia de «Escolas Abertas»

  • O programa serve de ponte entre a cultura galega que se fai aquí e a que posteriormente se exporta nos países receptores.

  • Por primeira vez desde que leva en pé esta iniciativa, os cursos teñen como sede, ademais de Santiago de Compostela, as cidades de Bos Aires, Montevideo e Caracas.

Santiago de Compostela
Foron 95 as persoas seleccionadas para os cursos que tiveron lugar na primeira quincena de xullo en Compostela. A variedade estaba ao día: pequenos e maiores, homes e mulleres, e de dos países máis dispares: Arxentina, Venezuela, México, Suíza, Holanda e tamén doutros puntos da xeografía española. Para moitos era o primeiro contacto que tiñan con esta experiencia, querendo repetir para as vindeiras edicións. Xabier Salgado, monitor de Escolas Abertas en Compostela, destaca sobre todo «a altísima motivación que teñen os galegos do experior por estar aquí, me consta dos que por cuestións meramente organizativas non puideron acceder aos cursos porque quedaron excluidos».

O que os alumnos aprenden e aprehenden
Non todo se queda en aprender e mellorar as técnicas de baile ou pandeireta, os alumnos que acoden a Escolas Abertas veñen incentivados pola motivación de levar ao seu país de orixe o aprendido aquí. O profesor de gaita de nivel intermedio comenta as cuestións básicas que tocou á hora de ensinarlles mellor este instrumento. "¿Por qué" comenta o profesor "Porque eles voltan aos grupos, chegan ao seu país, e a posta a punto da gaita é o que primeiro teñen que aprender. Porque eles veñen querendo aprender temas, cancións, pero os temas non son o máis importante. O máis importante é ter un método de traballo e a partires de aí empezar a funcionar".

Por outra banda, Adriana, que pertence á Unión de Sociedades Agrarias de Montevideo, inscribiuse no curso de Asociacionismo, onde recoñeceu que aprendeu moito máis do que viña a buscar: "Aquí participa xente de Suiza, Arxentina, Uruguai, Chile e Venezuela. Da interrelación xurdiron moitas ideas, e moitas conclusións que trataremos logo de poñer en práctica nos nosos centros de orixe, procurando sempre a mellora dos centros".

901 lecturas