En que consiste a experiencia Escolas Abertas
Escolas Abertas son cursos de carácter presencial que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social coma cultural de Galicia e de xeito totalmente normalizado.
Xabier Salgado, monitor principal deste programa, sinala dúas características esenciais que definen a esencia de Escolas Abertas: «Por unha banda, ofrece unha posibilidade formativa que o goberno galego tamén oferta aos cidadáns galegos no exterior e, por outra banda, é para formar aos futuros formadores que dinamizan as comunidades galegas no exterior».
Tal e como explica Salgado, esta experiencia non é outra cousa que «a canteira dos centros galegos de todo o mundo. Aquí temos xente de latinoamérica, de Chile, de Costa Rica, Arxentina Venezuela, Uruguai, Brasil, temos xente de Europa e tamén de aquí de España».
Unha experiencia que moitos dos que viñeron este ano repiten, ben na mesma disciplina ou probando outra nova, e que os que estiveron por vez primeira non dubidan en voltar o ano que vén. Diego Moreira, de México, leva 8 anos tocando a gaita, e é o primeiro ano que se apunta a este programa. «Vaime servir moito para perfeccionar a miña técnica. Gustaríame repetir para o ano que vén», apunta Diego Moreira.


