Así son as celebracións a 6.000 quilómetros da «terra nai»

  • Dende o Día das Letras Galegas ata o Día de Santiago Apóstolo, pasando polos magostos ou as comidas tradicionais, a Casa de Galicia en Nova York non dubida en saír á rúa con cada celebración galega.

Os galegos emigrados encóntranse diseminados por 104 países e, segundo as estatísticas, nuns 40 deles fundaron ata 400 colectivos recoñecidos pola Xunta de Galicia. Os puntos en común destas asociacións son que a ningunha delas se esquece celebrar os días máis representativos para Galicia, como o Día das Letras Galegas ou o 25 de xullo, o Día do Apóstolo Santiago, entre outros.

A primeira das celebracións, ou Día das Letras Galegas, leva conmemorándose dende o ano 1963 co fin de homenaxear aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria en galego ou, no seu defecto, pola defensa da lingua romance. A data deste evento é o 17 de maio, cando Rosalía de Castro iniciou o renacemento cultural.

As celebracións do Día das Letras Galegas repártense por todo o planeta e os galegos residentes en Nova York viviron unha xornada festiva ao grande. Nela, dous profesores impartiron unha conferencia sobre o idioma. Os encargados eran Genaro Bastos, socio da Casa de Galicia en Nova York e Amado Canto, ex presidente desta institución, profesor e amigo persoal do escritor xa falecido Ramón Piñeiro, o escritor ao que se dedicaba a data. Na devandita ponencia deixouse constancia da conexión que Piñeiro tivo coa Casa de Galicia, coa que estivo moi involucrado durante a súa estanza en Estados Unidos e da que foi nomeado socio de honra en 1983.

No Día das Letras Galegas, o grupo de gaitas tocou a coñecida Anti guo Reino de Galicia e os asistentes gozaron de cancións tradicionais como Negra Sombra, Se Chove ou Himno Galego, interpretadas por un coro. Para poñer punto e final a xornada festiva, uns nenos leron algúns versos de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Días antes, uns 250 galegos que poboan a Gran Mazá tamén renderan unha homenaxe a outro dos literatos de máis calado na comunidade, Ramón Cabanillas. A presidenta da Casa de Galicia, Rita Mariño, recibiu a delegación de Cambados, encabezada polo segundo tenente de alcalde da zona, Anabel Carro, e as representantes de cultura Noelia Toledano e María Vázquez. Alí, o grupo de gaitas da Casa de Galicia interpretou o pasodobre de Mallou e o coro da mesma entidade cantou Fisterra. Todo co fin de homenaxear a Cabanillas mediante a lectura da súa biografía, mentres as imaxes da vida do escritor ían proxectándose na sala neoiorquina.

A celebración máis vistosa
Pero as actividades que se realizaron este ano non só quedan aí. O día da patria española, o 12 de outubro, cando se conmemora a chegada de Cristobal Colón a terras americanas, os coloridos traxes tradicionais, así como a música galega, apodéranse da Quinta Avenida da Gran Mazá. Os cónsules latinoamericanos, neste caso xunto co español, Fernando Villalonga, iniciaron o percorrido do Desfile da Hispanidade, ao que seguía a directiva e miles de espectadores.

España foi o primeiro país que encabezaba o percorrido, xunto coas distintas organizacións establecidas en Nova York. No desfile, a Casa de Galicia, presente na Gran Mazá dende o ano 1940, desfilou en compañía de gaiteiros e bailarins que escenificaban a tradicional muñeira. Rita Mariña Cadio, presidenta da Casa Galicia de Nova York, comentou que era unha honra «desfilar con todos os irmáns españois, sudamericanos e todos os hispanos en xeral».

Os últimos actos
O día do Apóstolo Santiago é festivo na institución, polo que moitos galegos aproveitan para levar a cabo unha celebración de xeito máis íntimo, segundo as súas crenzas relixiosas. Ao contrario que esta última, tamén hai festas populares que sacan á rúa a centos de emigrados. A última tivo lugar hai unhas semanas e permitiu que unhas 400 persoas gozasen de comida típica galega como castañas asadas, empanadas e polbo. Ao ritmo das gaitas, Nova York vivía unha tarde que ben podería pasar por un día na comunidade verde por excelencia.

«Coas actuacións dos nosos grupos folclóricos, como A Terra Nosa, seguido de Aturuxo e Repenique, bailaronse muñeiras polos grupos infantil Airiños e Agarimo. A nosa banda acompañou ao coro coa súa interpretación da Rianxeira para darnos un airiño da nosa terra na cidade dos rañaceos», detallaba Carolina Alonso, vogal e presidenta de Cultura da Casa de Galicia. Para Alonso, o magosto foi o responsable de que «todos o pasasen bárbaro en ambiente moi familiar e moi galego» dentro dunhas festas que prometen «crecer e repetirse na Gran Mazá».

676 lecturas