4 historias de galegos, 4 galegos con historia
Uns emigrantes marcharon de Galicia por motivos económicos, outros por estar preto de familiares que xa fixeran a maleta e un terceiro grupo decidiu viaxar simplemente por ganas de coñecer o exterior. E saíulles ben.
Henrique Peón, o bailarín
Este bailarín de danza tradicional galega centrou a súa actividade profesional na investigación e divulgación do folclore de Galicia. Ten unha ancha traxectoria e un importante labor como profesor de baile e música tradicional. Formou parte de diversos grupos e na actualidade é o director do grupo de danza tradicional Xacarandaina. Ovay, o espectáculo coproducido en 2009 como debut da compañía de danza Quique Peón e realizado en coprodución co Centro Coreográfico Galego, levará a cabo unha serie de representacións a principios de maio en Xordania. E faino grazas a un acordo conseguido co Instituto Cervantes e os seus centros asociados no Reino Hachemita. Na actualidade, o público que lle segue goza dun espectáculo no que palpitan múltiples referencias e evocacións ao baile popular galego, aínda que mostradas cun particular estético e cun tratamento formal que se introduce nas formas da danza contemporánea.
Miguel González-Abellas, Doutorado en Kansas
Emigrou de Ourense ata Estados Unidos en 1990 grazas a un convenio educativo e traballa dende hai trece anos na Universidade de Washburn.
Licenciouse na Universidade de Santiago e continuou os seus estudos na Universidade de Washburn, en Kansas, onde obtivo a súa mestría e o doutorado en literatura latinoamericana.
En 1997 asinou o seu primeiro contrato laboral na Universidade Washburn, na que segue traballando a día de hoxe.
Actualmente está casado e ten dous fillos. Entre as súas publicacións destaca o ensaio, «Cidades desertas: o México profundo de José Agustín», ou libros como «Aquela illa: introdución á narrativa de Zoé Valdés» ou «A figura da mulata no fin do milenio». Tamén se dedica a dar conferencias do seu ámbito profesional.
A moza Patricia Dacosta Freitas, atleta brasileira
Foi a atleta máis nova de Brasil seleccionada para participar dos xogos olímpicos en Beijing. Con tan só 17 anos foi a única representante da clase RS:X de Vela. «En vez de discutir polas probas, pelexámonos coas típicas cousas de irmás, como a canle de televisión», contou Patricia en referencia ás preguntas que os xornalistas lle formularon na súa relación coa súa irmá, tamén atleta.
A moza é neta dos emigrantes galegos de Redondela, Benito Sestelo Dacosta e Juana Diaz Lamas que deixaron a súa terra na década de 1950 con destino a Río de Janeiro.
A gaiteira Cristina Pato
A última vez que apareción foi en Nova York. A cidade foi o escenario da presentación do Ano Santo Xacobeo 2010 onde a gaiteira galega Cristina Pato ofreceu un concerto no auditorio do diario The New York Times. Na Gran Mazá, a artista tivo a oportunidade de facer de máxima embaixadora cultural da comunidade galega. A gaiteira ofreceu por primeira vez unha actuación na que presentou, na que é a súa cidade de residencia dende 2004, o seu novo traballo The Galician Connection.
Con cinco discos no mercado, Cristina Pato goza do favor da crítica nos escenarios nacionais e internacionais e, a día de hoxe, segue ofrecendo concertos en España, Estados Unidos, Portugal, Reino Unido, Francia, Italia ou México. Á súa bagaxe profesional ha que sumar máis dunha vintena de colaboracións con artistas e formacións internacionais cómoThe Chieftains, Yo-Yo Ma, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Chicago Symphony Orchestra, entre outros. En Estados Unidos, país no que reside na actualidade, recibiu en 2008 o título de Doutor of Musical Arts pola Mason Gross School of the Arts de la Rutgers University. En 2010, o disco Yo-Yo Ma recibiu o premio Grammy como mellor álbum Crossover de música clásica. A día de hoxe, Cristinta Pato segue obtendo éxitos por todo o mundo.