A Xunta mantén unha reunión de traballo co ministro de Xustiza da Arxentina, Germán Garavano

O vicepresidente Alfonso Rueda e o representante arxentino abordaron temas en común entre ambos os dous territorios, con especial incidencia nas relacións coa colectividade galega.

Alfonso Rueda tamén mantivo reunións con representantes do goberno da cidade de Bos Aires e con membros do Consello de Maxistratura.

Alfonso Rueda e Germán Garavano, durante a xuntanza de traballo mantida onte en Bos Aires
Alfonso Rueda e Germán Garavano, durante a xuntanza de traballo mantida onte en Bos Aires
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 26 de outubro de 2016.

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, mantivo onte á tarde un encontro de traballo co ministro de Xustiza e Dereitos Humanos arxentino, German C. Garavano, no marco da viaxe institucional que desenvolveu estes días por Uruguai e Arxentina.

Neste encontro, os representantes públicos abordaron temas en común entre ambos os dous territorios e estudaron posibles intercambios de experiencias para atallar problemas comúns á hora de abordar as profundas reformas xudiciais que se están a levar a cabo tanto en Arxentina como en España e Galicia.

Con anterioridade ao encontro con Garavano, Alfonso Rueda, mantivo unha entrevista co xefe de gabinete de ministros do xefe de goberno da cidade autónoma de Bos Aires, Felipe Miguel, co obxectivo de avanzar nas distintas ferramentas para profundar na relación entre Galicia e Bos Aires e mellorar así o servizo á colectividade galega na capital arxentina.

Entre os asuntos tratados, ambos gobernos abordaron a posible renovación do convenio marco de 2009, asinado polo entón xefe de goberno da cidade autónoma de Bos Aires, Mauricio Macri, e o presidente Alberto Núñez Feijóo, co obxectivo de promover o intercambio en sectores como o económico, industrial ou tecnolóxico, e facendo especial fincapé no turístico.

Rueda tamén certificou o apoio do Goberno galego para a futura conmemoración do 'Bos Aires celebra Galicia', un evento en cuxa organización colaboran a Xunta, a Comunidade Galega na Arxentina e o Goberno da Cidade de Bos Aires desde 2014. A este respecto, trasladoulle o desexo da colectividade de usar o emblemático Teatro Colón para algún dos seus actos.

Nesta reunión tamén participaron o director de Relacións Internacionais e Cooperación, Francisco Resnicoff, e a subsecretaria de Relaciones Internacionais e Institucionais, Laura La Torre.

Consello de Maxistratura
Na xornada de onte, Rueda tivo ocasión de entrevistarse tamén con membros do Consello de Maxistratura da cidade de Bos Aires, o organismo porteño que ten como funcións asegurar a independencia do Poder Xudicial, garantir a eficaz prestación do servizo de administración de xustiza, promover o óptimo nivel dos seus integrantes e lograr a satisfacción das demandas sociais sobre a función xurisdicional do Estado.

Entre outros asuntos, abordouse o convenio asinado polo Consello e a USC en materia de formación e a posibilidade de amplialo á Escola Galega de Administración Pública, Egap. O obxectivo deste convenio é facilitar a colaboración e o intercambio de profesionais entre as institución porteñas e galegas.

725 lecturas