A Xunta abre o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega

As persoas interesadas, que deberán estar en posesión de titulación homologada, terán de prazo ata o 15 de xullo.

Estarán abertas un total de 37 listas: 17 afectan a persoal funcionario, outras 17 a persoal laboral, e tres para prevención e defensa de incendios.

Ademais, a Xunta actualiza os méritos das persoas inscritas en cada unha das listas para determinar a orde de prelación das e dos aspirantes.

Listas, procedementos, puntuacións e actualización de méritos poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2019.

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación, que deberá estar homologada pola Administración española ou galega, poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarias e funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 37. Delas, 17 listas son para traballar como funcionariado interino e outras 17 para traballar como contratada ou contratado laboral, ás que hai que engadir outras tres para persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

É importante subliñar que o feito de estar inscrita ou inscrito nas listas de emprego temporal da Xunta de Galicia para realizar substitucións temporais é unha forma de acadar méritos á hora de participar nunha oposición e, polo tanto, incrementa as posibilidades de lograr un posto de traballo fixo na Administración.

No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, poden presentar a solicitude de inclusión neste período.

Todas aquelas persoas interesadas en apuntarse nestas listas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado ‘Listas de Contratación’. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde na que figurarán as persoas inscritas dependerá dos méritos que reúnan, de acordo cun baremo que figura na convocatoria.

Entre as listas abertas están as de veterinarios e veterinarias, escala superior e escala técnica de finanzas, médico xeriatra, enfermeira ou enfermeiro, fisioterapeuta, directora ou director de gardería infantil, xefa ou xefe de cociña, auxiliar de clínica, auxiliar de fogar, bombeira ou bombeiro forestal ou bombeiro forestal condutor..

Actualización de méritos
Ao mesmo tempo, o DOG tamén publicou a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de emprego da Administración galega, á que as e os interesados poderán presentar reclamacións e achegar a documentación xustificativa ata o día 14 deste mes.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas, así como as puntuacións totais das persoas integrantes das listas consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, no apartado de ‘Listas de contratación’.

809 lecturas