Rueda viaxará á Arxentina e o Uruguai para apoiar as empresas galegas na captación de talento exterior e reforzar a relacións institucionais con estes países
O presidente da Xunta visitará ambos países entre o 6 e o 10 de marzo.
Asistirá a unha das feiras de emprego organizadas pola Xunta dentro do seu plan para favorecer a atracción de persoas traballadoras cualificadas, co foco nos galegos da diáspora que desexan retornar.
Esta iniciativa aposta por cubrir as vacantes en sectores estratéxicos ao tempo que aumenta a poboación activa e se dinamiza o territorio.
Trasladará o apoio do Goberno autonómico á colectividade galega no exterior e as medidas postas en marcha na Estratexia Galicia Retorna para os que desexen regresar á comunidade.
O presidente da Xunta iniciará o vindeiro xoves unha viaxe de cinco días pola Arxentina e o Uruguai co obxectivo de participar na feira de emprego organizada polo Goberno autonómico en Bos Aires, reforzar as relacións institucionais con estes países e manter encontros coa colectividade galega no exterior.
Na que será a súa terceira visita a Arxentina desde que está ao fronte do Executivo galego -tras a realizada en outubro de 2022 e en maio de 2024-, Rueda asistirá a unha das dúas feiras de emprego que a Xunta celebra este mes no exterior dentro dun plan de captación de talento co foco nos galegos da diáspora que desexen retornar. Tanto Bos Aires coma Montevideo acollerán sendos eventos nos que a Administración autonómica busca promover a atracción de traballadores cualificados e facilitar que as empresas galegas atopen traballadores para facer fronte aos problemas para cubrir vacantes en sectores estratéxicos, ao tempo que aumenta a poboación activa e se dinamiza o territorio.
Esta acción, vencellada ao Programa Retorna Cualifica Emprego, enmárcase na Estratexia Galicia Retorna que busca facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata 2026 e que inclúe outro tipo de accións como axudas directas para afrontar os primeiros gastos de instalarse en Galicia, bolsas para estudar un máster ou FP na comunidade ou asesoramento e acompañamento durante o proceso a través das Oficinas de atención ao retornado.
Ademais, entre o 6 e o 10 de marzo, o titular do Goberno galego, que estará acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, manterá encontros con diferentes representantes das institucións doutro lado do Atlántico.
Reforzo do compromiso co exterior
Rueda aproveitará tamén a viaxe pola Arxentina e O Uruguai para visitar a colectividade galega e trasladarlles o apoio da Administración autonómica a todos os residentes no exterior e ás súas necesidades así como todas as medidas que ten en marcha a Xunta para aqueles que desexen regresar a súa terra.
Novas relacionadas




