Rueda resalta “a experiencia e a capacidade de xestión” da Xunta para responder ás prioridades das galegas e dos galegos

Avanzou que no 2023 actualizaranse todas as axudas de inclusión social, para protexer ás e aos seus perceptores fronte ao impacto da inflación.

Anunciou que se incrementará nun 50% a axuda para a compra de material escolar que perciben as familias máis vulnerables, cun investimento de 2,3 millóns de euros.

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todas e todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os fitos, logros e obxectivos
    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todas e todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os fitos, logros e obxectivos
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todas e todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os fitos, logros e obxectivos
    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todas e todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os fitos, logros e obxectivos
Alfonso Rueda, sobre a Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou “a experiencia e capacidade de xestión” da Xunta para responder ás prioridades das galegas e dos galegos.

Nunha xuntanza cos e coas membros do Goberno galego na que se abordaron os fitos, logros e obxectivos da Xunta, indicou que o Executivo autonómico traballa nunha dirección clara e con tres prioridades que coinciden coas da maioría das cidadás e os cidadáns galegos, como son a familia, o traballo e o futuro, e que o fai aproveitando a experiencia e a capacidade de xestión das e dos membros do seu Goberno.

Salientou que Galicia xa leva tempo reforzando as súas medidas de apoio ás familias, con educación infantil gratuíta que beneficia a máis de 30.000 familias; transporte público de balde para menores de 21 anos e a metade de prezo para as e os que superan esa idade; as taxas universitarias máis baixas de España que levan 12 anos conxeladas; o calendario de vacinación infantil más completo de todo o país; bonos ao alugueiro; axudas para libros e material escolar cunha inversión que supón o dobre que a do ano pasado e un complemento de 100 euros ao Bono Social Térmico.

Apoio as e aos máis vulnerables
Rueda avanzou que no 2023 actualizaranse todas as axudas de inclusión social ao mesmo nivel que a inflación, para protexer ás e aos seus perceptores fronte ao impacto da alza de prezos. Así, subirá o tramo persoal da Risga ou as axudas puntuais de emerxencia coñecidas como AIS.

Isto súmase a unha política fiscal que pensa nos fogares, e que logo de tres rebaixas na parte do IRPF que depende da comunidade autónoma, o ano que vén acometerá unha nova baixada no tramo máis baixo deste imposto que fará que Galicia teña a carga fiscal máis reducida de España para os fogares máis humildes.

Tamén en 2023, Galicia dará un paso máis que nos manterá á vangarda neste tipo de políticas, coa equiparación das familias con dous fillos ou fillas coas familias numerosas a efectos de IRPF, ademais de novas bonificacións fiscais para os fogares con máis fillas e fillos. Estas medidas súmanse ás xa existentes, como a  eliminación do Imposto de Sucesións para as e os familiares directos; un programa pioneiro de Impostos Cero no rural; beneficios específicos para colectivos prioritarios como a mocidade, familias numerosas, persoas con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero.

O presidente da Xunta tamén destacou a calidade da Sanidade pública galega, na que se seguirá avanzando a nivel de infraestruturas e de modernización con tecnoloxía punteira, como un centro de protonterapia pioneiro en toda España, novos equipos de cirurxía de precisión, de cribado de cancro de mama e de diagnose por imaxe.

En materia de emprego, salientou que debe ser unha prioridade fundamental para o Goberno galego, e que os fondos europeos son “unha oportunidade excelente para transformar o noso tecido produtivo e que non podemos permitirnos deixala pasar”. Neste senso referiuse aos proxectos de Stellantis, Showa Denko ou Altri, e instou ao Goberno central a que ofreza algunha resposta respecto ao posible financiamento de todos eles e a que axilice a xestión dos fondos Next Generation.

Tamén se referiu á nova Lei de Ordenación do Litoral que se acaba de anunciar e que buscará que Galicia estableza as normas para súa propia costa, coa intención de protexer o medio ambiente ao tempo que a toda unha industria e modo de vida. 

Educación pública inclusiva e de calidade
Rueda destacou que o futuro comeza no sistema educativo, e que Galicia leva anos construíndo unha educación pública inclusiva e de calidade, protexida dos vaivéns políticos. Avanzou que, para aliviar os custos do inicio de curso, o Goberno galego incrementará, con efectos inmediatos, nun 50% a axuda á compra de material escolar que perciben as familias máis vulnerables, cun investimento de 2,3 millóns de euros.

O titular do Executivo galego concluíu que “a Xunta debe ser xeradora de seguridade persoal, estabilidade social e prosperidade económica”, algo que aspira a acadar por traballar nun Goberno con experiencia, unido e coas prioridades claras ao que cualificou como “o mellor equipo de goberno que existe a día de hoxe en España”. 

174 lecturas