Rodríguez Miranda interveu en "Xantar" en nome dos novos damas e cabaleiros da ‘Chaîne de Rôtisseurs’, Irmandade gastronómica fundada no século XIII

O secretario xeral interpreta o seu nomeamento como un recoñecemento explícito ás comunidades galegas polo seu papel de internacionalización da cultura gastronómica.

A Sociedade Gastronómica, con sede en Francia e delegacións en 70 países, conta máis de 25.000 afiliados e afiliadas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2014.

Ao abeiro da celebración do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo Xantar, tivo lugar o Capítulo Especial da Sociedade Gastronómica Chaîne de Rôtisseurs durante a que foron nomeados e nomeadas novas damas e cabaleiros do Bailiato Nacional de España pertencente á organización. En nome de tódalas e tódolos premiados, interveu o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen gabou a universalidade da cultura gastronómica, e interpretou o seu nomeamento de cabaleiro como “un recoñecemento explícito ao papel que nesa internacionalización teñen os restaurantes das casas e centros de Galicia”.

A Chaîne é unha entidade que conta con máis de 25.000 persoas membros espallados en 70 países de todo o mundo, e que foi fundada no ano 1248 por un gremio de restauradores aos que Luis IX permitía o privilexio de asar ocas. A súa finalidade é a de “preservar e impulsar as grandes tradicións culinarias, da boa mesa, a amizade, e o compañeirismo”, así como “apoiar os cociñeiros e sumilleres novos”, segundo reza a súa páxina web.

Na alocución de Rodríguez Miranda, o secretario xeral lembrou precisamente a importancia da gastronomía como proba da boa mestizaxe entre pobos e culturas, e lembrou a súa relevancia á hora de manter e mellorar a proxección internacional de Galicia e de España: “Tal vez a universalidade da Chaîne teña só comparanza na presenza dos centros e casas de Galicia en máis de trinta países, aunando as vontades dos asociados que á súa vez representan ao medio millón de paisanos repartidos polo mundo”, afirmou o secretario xeral da Emigración.

Presenza das e dos galegos de Cuba
Miranda lembrou que, precisamente, nesta XV edición do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo ´Xantar’, Cuba foi o país invitado. A illa estivo representada na súa parte gastronómica polo restaurante da Sociedade Cultural Rosalía de Castro da Habana. Esta Sociedade é unha das cinco comunidades galegas presentes na capital cubana que posúen local público destinado á restauración. As outras catro son a Sociedade Estudantil Concepción Arenal, a Agrupación Artística Galega, Asociación Naturais de Ortigueira Sociedade Española de Beneficencia e Protección Mutua, e a Sociedade A Aurora de Somozas.

En palabras do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “cómprenos agradecer á República de Cuba esta mostra de boas relacións que supón o feito de que as comunidades galegas representen a toda a gastronomía do país. Trátase dun expoñente máis do compromiso de afondar nesas boas relacións entre os gobernos, e os pobos, de ambos lados do Atlántico”.

1037 lecturas