O CGAI celebra o seu XX aniversario coa estrea de ‘Todos vós sodes capitáns’, película galega galardoada en Cannes, e a proxección de imaxes inéditas de Galicia do NO-DO

Proxectarase a película muda de 1924 La Casa de la Troya, restaurada polo CGAI e a Filmoteca Española en 2003.

O centro inaugurouse o 15 de marzo de 1991 co obxectivo de recuperar, catalogar, custodiar e difundir as producións do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.

O CGAI posúe 3.000 copias en soporte cinematográfico, 4.000 en videográfico, uns 10.000 carteis e os fondos fotográficos e fílmicos do escritor arxentino Julio Cortázar.

O centro organiza nove proxeccións á semana, dispón dun servizo de préstamo gratuíto de producións audiovisuais e conta cunha mediateca con 10.000 libros, 6.000 revistas e 7.500 DVD.

Listen to this page using ReadSpeaker
15 de marzo de 2011.

O Centro Galego de Artes da Imaxe celebrará esta semana o seu XX aniversario cun ciclo especial que, do 15 ao 18 de marzo, incluirá a estrea da película Todos vós sodes capitáns, e a proxección de imaxes inéditas de Galicia do NO-DO. Así o anunciou esta mañá o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro, nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañado polo director do CGAI, Guillermo Escrigas.

Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, obtivo o recoñecemento máis importante da historia do cine galego, o premio FIPRESCI en Cannes 2010. Dentro das imaxes inéditas do NO-DO, proxectaranse un programa que baixo o título A Galicia obreira inclúe novas sobre percebeiros en Fisterra, a catástrofe do Urquiola, unha fábrica de plásticos en Vigo ou o desenvolvemento dunha campaña de alfabetización en Ourense. O programa Galicia parador turístico recolle, en 67 minutos, imaxes sobre as rías de Pontevedra, Lugo ou Ourense. Por último, o programa Cidade compostelá inclúe, entre outras, novas sobre a ofrenda ao Apóstolo de 1943, unha homenaxe a Fraga en 1965 ou o informativo titulado Franco y los príncipes en Santiago, de 1969.

O ciclo do XX aniversario contempla tamén a proxección da película muda do ano 1924 La casa de la Troya, filme restaurado polo CGAI e a Filmoteca Española no ano 2003, e que se acompañará en directo pola música do pianista Javier Pérez de Azpeitia. O ciclo especial completarase coa proxección dun título recente, Decasia (2002), do estadounidense Bill Morrison.

Melloras na sala de proxección e ciclos en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense
Con motivo do seu XX aniversario, o CGAI prevé acometer obras de mellora na súa sala de proxeccións e poñer en marcha a exposición itinerante Os Adeuses que recorrerá distintas localidades de Galicia. Ademais, haberá ciclos e proxeccións especiais en Vigo, Santiago, Lugo e Ourense.

O CGAI reanudará a proxección de películas de cine mudo acompañadas de actuacións musicais e colaborará en efemérides significativas dos vindeiros meses como as que terán como protagonistas a Álvaro Cunqueiro e Ramón María del Valle-Inclán. O centro editará unha copia da nova versión de Galicia de Carlos Velo e Fernando G. Mantilla aparecida no Arquivo do Estado ruso de Cine Documental e Fotografía en Krasnogorsk, e publicará o libro que o historiador e docente Xosé Nogueira dedica á historia do cine en Galicia.

Por último, e dentro da programación deseñado polo CGAI para conmemorar o seu aniversario, procederase ao depósito do arquivo Eloy Lozano por parte da súa viúva, un patrimonio no que o centro xa está traballando coa restauración do seu título Retorno a Tagen Ata (1974).

O CGAI, en cifras
O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugurouse o 15 de marzo de 1991 con catro obxectivos: a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego; a programación de proxeccións, exposicións, conferencias, e publicacións co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe; a colaboración en actuacións en Galicia e no exterior con estes obxectivos; e a participación na promoción da produción audiovisual galega en mercados, mostras e festivais.

Na actualidade, o CGAI posúe preto de 3.000 copias de soporte cinematográfico e 4.000 copias en soporte videográfico. Almacena 960.000 metros de película e negativos de cine galego e máis de 2.150.000 metros de títulos non relacionados con Galicia. Completan o importante arquivo do Centro Galego de Artes da Imaxe 10.000 carteis e un inxente fondo fotográfico, incluídos os fondos fotográficos e fílmicos do escritor arxentino Julio Cortázar.

O CGAI organiza nove proxeccións por semana, sempre en versión orixinal, e dispón dun servizo de préstamo gratuíto para as producións audiovisuais sobre as que a Xunta ten dereitos de difusión cultural e daquelas películas recuperadas e restauradas polo centro. Dispón dunha importante Mediateca, que leva o nome do que foi director da institución entre 1999 e 2006, José Luis Cabo, e que está composta por máis de 6.000 revistas, preto de 10.000 libros e 7.500 títulos en DVD.

1397 lecturas