A nova versión actualizada do Celga 1 en liña permite por primeira vez a autoformación en lingua galega para todas e todos os galegos do exterior

O recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do momento que poidan dedicarlle.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que “os galegos e galegas do exterior poden acceder a estes cursos co obxectivo de manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras”.

  • Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
    Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
  • Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
    Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
  • Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
    Esta nova ferramenta está xa accesible desde hoxe no Portal da Lingua Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2021.

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pon en marcha unha versión actualizada do Celga 1 en liña, que permite por primeira vez a autoformación en lingua galega a través dunha ferramenta vencellada a el. Deste xeito, todos os galegos e galegas do exterior terán acceso a esta plataforma.

Esta nova ferramenta está xa accesible desde o Portal da Lingua Galega a través do enlace seguinte: https://formacion-lingua.xunta.gal/login/index.php
   
O novo recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do tempo que cada persoa poida dedicarlle. Con esta nova versión actualizada do Celga 1 en liña, que tamén renova a ata agora existente desde 2010, completamos a serie de cursos anovadores e modernos que configuran o ensino e a aprendizaxe do Celga, para alén de potenciar a presenza da nosa lingua no ámbito das tecnoloxías”.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quixo facer referencia a esta nova ferramenta destacando a importancia desta medida para os galegos e galegas do exterior, que poden así acceder a uns cursos regrados que lles permitan manter e mellorar a nosa lingua fóra das nosas fronteiras, “mantendo así un vínculo esencial coa súa terra e coas súas orixes”. O feito de que agora contemos cunha ferramenta así, facilitará aínda máis esta aprendizaxe, coa que optar a un título oficial que lles permita competir en igualdade de condicións, desde o punto de vista lingüístico, co resto de galegos e galegas, “algo especialmente importante no caso dos emigrantes que desexen retornar a Galicia, e tamén para os nosos bolseiros Bemes, que veñen cada ano a Galicia facer un mestrado nunha das nosas universidades”.

A nova ferramenta de autoformación en liña súmase á actualización do curso titorizado que os 150 alumnos e alumnas do Celga 1 en liña empregan xa desde esta semana, no marco da formación preparatoria de 70 horas que seguen ata o 6 de maio destinada aos exames oficiais. A principal diferenza co ata agora existente é que presenta unha versión que está xa aberta desde hoxe, de forma permanente, no Portal da Lingua Galega, garantindo un acceso ilimitado á aprendizaxe do galego dende calquera lugar e a calquera hora. Na nova opción, non hai límite de prazas nin datas específicas de acceso. Tampouco cómpre un proceso de matriculación, polo que o acceso será tan sinxelo como cubrir un rexistro previo. É un recurso inesgotable e accesible a través da rede para todas aquelas persoas que estean interesadas en comezar a aprender a lingua galega ou en preparar a proba oficial.

Alén dos cursos titorizados do Celga 1 que convoca a Xunta de Galicia, este novo curso de autoformación pode seguirse sen necesidade dun titor ou titora, xa que as persoas usuarias van avanzando na aprendizaxe grazas aos exercicios de autorresolución e aos exemplos de resposta. Así, a través dunha interface de navegación sinxela, eficiente e intuitiva, o alumnado accede a cada unha das 12 unidades do curso divididas en catro bloques: comprender, explorar e reflectir, practicar e comunicar e viaxar. Como última novidade, as unidades 1 e 2 están adaptadas á lectura fácil para facilitarlles a aquelas persoas que teñen dificultades lectoras e/ou de comprensión o acceso á aprendizaxe da lingua. Ademais, ao final de cada unidade o alumnado contará cun vídeo interactivo para repasar os contidos tratados nela.

Sistema Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao MECRL e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.

Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego aos efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame (agás o nivel 5) convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego. 

821 lecturas