Miranda anima a todas as mozas e mozos galegos no exterior a participar activamente da vida social e cultural da colectividade

O secretario xeral da Emigración visitou o Centro Galego de Salamanca, que este ano acollerá o Día de Galicia en Castela e León.

A entidade salmantina é membro da Comisión Permanente do Consello de Comunidades Galegas.

O secretario xeral da Emigración visitou o Centro Galego de Salamanca, que este ano acollerá o Día de Galicia en Castela e León
O secretario xeral da Emigración visitou o Centro Galego de Salamanca, que este ano acollerá o Día de Galicia en Castela e León
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, animou a todas as mozas e mozos galegos que residen no exterior a involucrarse e participar activamente da vida, tanto social como cultural, da colectividade. O responsable autonómico aproveitou a súa visita ás instalacións do Centro Galego de Salamanca para facer un chamamento á mocidade galega que vive fóra da Galicia territorial.

“Sodes vós, os mozos, non só o futuro, senón tamén unha parte moi importante do presente de todas as entidades que, como o Centro Galego de Salamanca, viven rodeados de xuventude, de ideas cheas de frescura, de iniciativas novas e de forza para levalas a cabo. Sen mozos, serían moitas as casas de todos os galegos repartidas polo mundo que non existirían hoxe, porque son elas, vós, as novas xeracións, as encargadas de coller o relevo dun sentimento de galeguidade que, hoxe máis ca nunca, hérdase e traspasa xeracións enteiras”, invitou Miranda.

Sede autonómica do Día de Galicia
O Centro Galego de Salamanca é un dos membros da Comisión Permanente do Consello de Comunidades Galegas, o que lle outorga unha representación permanente e un papel relevante dentro do principal órgano de coordinación das entidades galegas no exterior.

A institución salmantina será, ademais, o encargado de organizar e acoller o vindeiro 5 de maio o Día de Galicia en Castela e León, que cada ano se celebra nunha das seis entidades galegas da comunidade autónoma castelá. O Centro Galego de Salamanca, fundado en 1957, estreou as súas instalacións actuais, situadas nunha céntrica zona da cidade universitaria, en 1992, polo que son unhas das máis modernas da colectividade galega en territorio español.

1154 lecturas