EN MEMORIA DE FERNANDO AMARELO DE CASTRO

O seu ímprobo traballo foi peza fundadora e fundamental para o recoñecemento oficial da relevancia das Comunidades galegas no Exterior no pasado, presente e futuro da nosa terra.

Na imaxe, Fernando Amarelo de Castro e Alberto Núñez Feijóo no IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas celebrado en Montevideo
Na imaxe, Fernando Amarelo de Castro e Alberto Núñez Feijóo no IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas celebrado en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017.

 

Dicir que é fondo o pesar polo pasamento de Fernando Amarelo de Castro, ex secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, implica quedarse moi curto na descrición da tristeza que embarga hoxe a galegas e galegos do mundo. Tamén é tarefa imposible resumir a absoluta admiración que por el sentiamos, sentimos, tódalas persoas que traballaron e traballamos pola diáspora galega espallada polos cinco continentes, que desenvolvemos o noso labor diario con esa materia tan difícil de describir e de xestionar como é a Galeguidade, á que don Fernando soubo dar corpo legal, xurídico, e administrativo. Galicia deixaría de lado parte fundamental da súa idiosincrasia obviando ese sentimento, recoñecido no maior dos nosos textos legais, o Estatuto de Autonomía. Porque Galicia non podería expresarse en toda a súa grandeza sen contar cos centenares de milleiros de paisanas e paisanos que residen fóra. A esa Galicia exterior, tan importante na nosa historia e no noso presente, tan indeleble no noso ADN como pobo, destinou toda a súa forza e dedicou a parte máis intensa da súa vida don Fernando.

O seu ímprobo traballo foi peza fundadora e fundamental para o recoñecemento oficial da relevancia das Comunidades galegas no Exterior no pasado, presente e futuro da nosa terra. A el débese o deseño básico de moitas das liñas de actuación, en prol das e dos galegos residentes fóra, que aínda arestora se desenvolven desde a Administración autonómica, e mesmo na do Estado. A consolidación e crecemento desa gran rede universal sobre a que repousan os sentimentos e ligazóns das e dos galegos espallados polo mundo é, en gran medida, produto directo do agarimo e paixón cos que Fernando Amarelo de Castro levou a cabo a súa tarefa na Xunta, e tamén noutras organizacións públicas e privadas. Boa parte, en fin, do xusto recoñecemento que a sociedade galega ten feito, fai e fará, ás e aos seus paisanos no Exterior, é consecuencia do abnegado traballo dun home que, sen dúbida ningunha, forma xa parte indeleble da Historia de Galicia, con maiúsculas.

Hai ben pouco tiven a ocasión de escribir nunha tribuna pública que, se hai unha materia na que Galicia pode sentirse orgullosa, é a solidariedade. Cómprenos dicilo ben claro e alto: somos un pobo solidario, cunhas cotas neste eido que xa quixeran para si as nacións máis desenvolvidas. Ningún outro pobo ten demostrado esa capacidade para unir esforzos en favor daquelas e daqueles que menos teñen, de encetar proxectos ambiciosos no campo social e sanitario que, hoxe en día, seguen sendo referentes en moitos países de América Latina. Ningún outro pobo no mundo foi quen, tampouco, de involucrar a segundas xeracións, nadas xa na diáspora, na cultura dos seus pais e avós: calquera galega ou galego de ben emociónase ao escoitar o son da gaita que permanece, un século mais, escorregando polas veas de cidades tan distantes e distintas como Bos Aires, Londres, Montreal, Barcelona, Zürich.

Esa universalidade do noso sentimento de pertenza a un pobo, sen renunciar á plena integración nas sociedades de recepción, é característica intrínseca da propia natureza galega. Demostrada en distintos momentos históricos e en lugares e sociedades ben diferentes. A esa universalidade houbo un home que lle deu corpo e nome, e que foi quen de convencernos a todas e todos da necesidade de outorgarlle a importancia e forza que merece. Ese home foi Fernando Amarelo de Castro, e hoxe, co seu falecemento, boa parte desa universalidade queda orfa.

Galicia e a Galeguidade non serían a mesma sen don Fernando. Non o serían no pasado nin no presente, pero hoxe tócame asumir que, no futuro, botaremos de menos o seu sabio consello a tempo, o seu profundo coñecemento da nosa diáspora, e o tesón e agarimo disposto para cada ocasión en que a universalidade do noso pobo requiriu os seus servizos.

Desexo de corazón que ese camiños que el teceu, de solidariedade e irmandade, dalgunha maneira o axuden neste tránsito. Descanse en paz.

E grazas por todo o teu traballo e tódalas túas ensinanzas, Fernando.

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario Xeral da Emigración

3506 lecturas