Lugo acollerá este luns 20 de xullo a gran gala de clausura de Escolas Abertas, cunha actuación sorpresa dun recoñecido artista internacional galego
A Praza de Santa María en Lugo converterase este luns 20 de xullo, a partir das 20:30 horas, no escenario da Gran Gala de Clausura do programa Escolas Abertas, unha cita aberta a toda a cidadanía que porá o broche final a dúas semanas de formación intensiva arredor da cultura tradicional galega. A entrada será libre.
A gala contará coa actuación especial dun recoñecido artista galego, un dos músicos con maior proxección internacional, que interpretará varias pezas, nunha participación moi especial dentro deste acto de clausura. A súa presenza enriquecerá unha noite dedicada á música e ás tradicións de Galicia, converténdose nun atractivo máis para que lucenses e visitantes poidan achegarse á Praza do Concello.
Ao longo da velada, os participantes de Escolas Abertas amosarán sobre o escenario todo o aprendido nos cursos de especialización de baile tradicional, canto popular e pandeireta, gaita, percusión tradicional e confección do traxe tradicional galego. Formadores procedentes de entidades galegas do exterior compartirán co público o resultado dun intenso traballo, que lles permitirá seguir difundindo a cultura galega nos seus países de residencia.
A Gran Gala será unha celebración do compromiso da colectividade galega coa conservación e transmisión das nosas tradicións, demostrando que a cultura galega continúa viva e medra máis aló das nosas fronteiras grazas ao labor das entidades galegas do exterior e das persoas que participan neste programa.
A Secretaría Xeral da Emigración anima a toda a cidadanía a asistir a este acto, no que poderá gozar do talento dos participantes de Escolas Abertas e dunha actuación sorpresa moi especial, nun escenario único como a Praza de Santa María de Lugo.
Novas relacionadas




