Inaugurados os cursos presenciais do programa Escolas Abertas 2011

Os beneficiarios e beneficiarias serán un centenar de cidadáns e cidadás residentes no exterior, que accederán a formación de graos intermedio e avanzado en diversas especialidades.

Listen to this page using ReadSpeaker
20 de xullo de 2011.

O subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas da Secretaría Xeral da Emigración, Andrés Castro, inaugurou no Albergue Xuvenil Lug II os obradoiros de formación e especialización de carácter presencial previstos no Programa Escolas Abertas 2011, dirixido tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns e cidadás individuais residentes no estranxeiro.

O número de persoas beneficiarias na edición deste ano acada o centenar, dos que 38 proceden de Arxentina, 12 de Venezuela, 12 de Uruguai, 10 de Brasil, 10 de Cuba, 6 doutros países americanos, 7 doutros países europeos distintos a España, e 5 doutras comunidades autónomas españolas distintas a Galicia.

Os cursos de nivel intermedio versan sobre asociacionismo e xestión de asociacións e entidades sen ánimo de lucro, tecnoloxías da información e da comunicación, gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta, e baile tradicional galego. Os de nivel avanzado xiran en torno á gaita tradicional galega, e baile tradicional galego. Cómpre salientar que se trata de disciplinas que contan cunha amplísima demanda nas entidades galegas no exterior.

Os e as participantes son maiores de idade, menores de 35 para os cursos de formación de nivel intermedio, e menores de 55 para os de avanzado. Emigración faise cargo dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros, e tamén da estadía e viaxe de todos e todas as participantes.

1345 lecturas