Falece o xornalista galego Luis Mariñas

O coruñés residente en Madrid foi o primeiro en utilizar o galego nun programa informativo.

Listen to this page using ReadSpeaker
28 de decembro de 2010.

O xornalista galego Luis Mariñas morreu este luns no seu domicilio de Madrid aos 63 anos. Mariñas era considerado un dos «tesouros vivos» da televisión española e foi o primeiro en utilizar o galego nun programa informativo. Os restos do xornalista serán incinerados e esparexidos na súa A Coruña natal, como el mesmo desexaba.

Cristóbal Atienza, xornalista e vogal da Asociación da Prensa da Coruña, cualificou a Mariñas como un xornalista «da vella época» e subliñou o seu apoio ao periodismo en galego.

Traxectoria
Fillo do tamén xornalista Enrique Mariñas, Luis Mariñas naceu o 7 de agosto de 1947. Iniciou a carreira de Enxeñeiro de Telecomunicacións, pero abandonouna para dedicarse ao periodismo. Con tan só 19 anos comezou a traballar nos estudos de Prado del Rey de TVE, en Madrid.

En 1974 foi nomeado director de TVE en Galicia, onde puxo en marcha o Panorama de Galicia, primeiro programa rexional informativo da historia da televisión. Tamén traballou en cargos de relevancia en programas informativos de Telecinco, TVE e Telemadrid.

Entre os seus traballos máis destacados figuran a entrevista en Bagdad co entón presidente de Iraq, Sadam Hussein e a entrevista a Mijail Gorbachov despois da desintegración da URSS. O 31 de maio de 1993 foi o moderador do debate decisivo que enfrontou a José María Aznar e Felipe González.

Entre os galardóns que recibiu están a Antena de Ouro e o Micrófono de Ouro, o Premio do Club Internacional de Prensa, o Premio Galicia de Comunicación, dous galardóns da Agrupación de Telespectadores Y Radiooyentes e o premio da Asociación Nacional de Informadores Gráficos.

1875 lecturas