Emigración destina a políticas sociais para as e os maiores do exterior case tres millóns de euros, dos que se benefician en torno a dez mil familias

Esta cantidade supón a metade do orzamento efectivo do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Só na convocatoria de axudas individuais por situacións de precariedade e axudas de natureza humanitaria por emerxencia, Emigración inviste máis de dous millóns.

Ademais, destínanse 55.000 euros ás axudas especiais para emigrantes, galegos ou galegas de orixe, en Cuba; outros 509.000 para colaboración con entidades para a prestación de servizos sociais (dos que 120.000 son achegados pola Consellería de Traballo e Benestar); e 375.000 para as viaxes socioasistenciais para maiores galegas e galegos residentes no estranxeiro (‘Reencontros na Terra’ e ‘Reencontros na Casa’).

Foto de arquivo da chegada dun dos grupos da edición deste ano 2014 de ‘Reencontros na Casa’, recibidos no aeroporto de Lavacolla por Rodríguez Miranda
Foto de arquivo da chegada dun dos grupos da edición deste ano 2014 de ‘Reencontros na Casa’, recibidos no aeroporto de Lavacolla por Rodríguez Miranda
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2014.

Na liña do Goberno galego de garantir, na medida do posible, as mellores condicións de vida para tódalas e tódolos galegos de idade avanzada independentemente de onde vivan, a Secretaría Xeral da Emigración destina este ano 2.954.000 euros (contando a achega de 120.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar) a investimentos de carácter social e asistencial para maiores, dos que se benefician en torno a dez mil familias.

Este investimento en política social para as e os maiores no estranxeiro supón a metade do orzamento efectivo (orzamento total menos o gasto en persoal) do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Tres liñas básicas
A primeira das liñas básicas de actuación en materia social para os galegos e as galegas da diáspora, e a partida orzamentaria máis importante do investimento da Secretaría Xeral da Emigración, é a que corresponde á convocatoria de axudas individuais para 2014, destinada a paliar sete tipos de situacións: unidade familiar en precariedade; dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; invalidez ou enfermidade permanente; cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; mulleres que sufran violencia de xénero; e situación de desemprego na unidade económica familiar. Na inmensa maioría dos casos, as beneficiarias son familias con, cando menos, un ou unha integrante de avanzada idade.

Trátase de axudas cun desembolso único por ano (compatible coas axudas e pensións que outorga o Goberno central), ás que cómpre engadir as axudas por emerxencia social e humanitaria, que se conceden de maneira puntual para facer fronte a situacións sobrevidas ocasionais e extraordinarias de extrema necesidade, e das que tamén se benefician nunha elevada porcentaxe familias con algunha ou algún membro maior. Entre as primeiras e as segundas, a cifra supera os dous millóns de euros (2.015.000 €).

Esta actuación da Secretaría Xeral da Emigración palía a situación de case oito mil (7.740) beneficiarias e beneficiarios, e por tanto de familias galegas residentes no Exterior, durante o presente ano 2014. O país no que reside o maior número de beneficiarios é Cuba, seguido por Arxentina, Uruguai e Venezuela.

Nesta liña encádrase tamén unha actuación especial no caso da illa de Cuba, onde as galegas e os galegos de orixe –nados na Galicia territorial- contan cunha avanzada idade, e por tanto precisan dun tratamento diferenciado, acorde ás especiais dificultades da súa vida alí. Neste ano, 550 familias con algún membro galego ou galega de orixe recibirán axudas en especie (alimentos e outros produtos de primeira necesidade).

Reencontros
A segunda liña de actuación social son as viaxes socioasistenciais para persoas maiores galegas residentes no estranxeiro, os programas ‘Reencontros na Terra’ e ‘Reencontros na Casa’, que neste ano 2014 farán que máis de 300 galegas e galegos –nalgúns casos acompañados dos seus cónxuxes- residentes no estranxeiro poidan visitar a terra onde naceron.

‘Reencontros na Terra’ ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias das e dos emigrantes galegos de 65 ou máis anos de idade, que así poden redescubrir as súas raíces, tanto de tipo cultural e social, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe. Pasan un tempo nunha residencia da Xunta, que asume o custo da pasaxe en caso de que a persoa non teña capacidade para pagalo, e outro tempo –se así queren e poden- con familiares.

Pola súa banda, ‘Reencontros na Casa’ establece a concesión de axudas do 60 % da pasaxe entre os seus países de residencia e Galicia (agás no caso de Cuba e Venezuela, en que chega ata o 100 por cen) para galegos e galegas de avanzada idade que acrediten cumprir unha serie de condicións que dificultan a súa visita a Galicia sen a axuda da Administración. O papel da Xunta neste caso, ademais de sufragar esa parte do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe das e dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Colaboración socioasistencial
Finalmente, e como terceira liña de axuda para as persoas maiores galegas residentes no Exterior, Emigración asigna 389.000 euros en total para colaboración con entidades para a prestación de servizos sociais, aos que se engaden 120.000 da achega complementaria que realiza a Consellería de Traballo e Benestar. Trátase de servizos de asistencia social e sanitaria en países de Iberoamérica (Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba) que teñen por finalidade garantir as mellores condicións posibles de vida para as e os anciáns con orixe galega e que, por razóns económicas ou de outra índole, necesitan atención neses centros.

Aínda que o cálculo exacto de persoas beneficiarias desta medida é complicado –por canto varían ao longo do ano as cantidades concretas de atendidas orixinarias de Galicia-, calcúlase que son máis de 1.500 as anciás e os anciáns galegos, e indirectamente as súas familias, atendidos cada ano por esas entidades.

En imaxes
986 lecturas