Emigración centra esta semana no Xacobeo o seu espazo dedicado ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

Esta semana poderanse ver documentais sobre gastronomía no Camiño, produtos viaxeiros e incluso, o amor no Camiño Inglés.  

Pódense visionar na páxina de GaliciaAberta a través de catro contedores: Xacobeo, Ciencia e historia galega, Música e Artes escénicas

  • #aCulturaSegue
    #aCulturaSegue
  • #aCulturaSegue
    #aCulturaSegue
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración segue a difundir, a través da súa plataforma web (GaliciaAberta – https://emigracion.xunta.gal), os contidos audiovisuais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, co obxectivo de que os galegos e galegas do exterior poidan desfrutar destes contidos musicais, culturais e cinematográficos que lles acerquen máis a Galicia. Esta semana, os contidos céntranse en historias relacionadas co Xacobeo.

Nesta ocasión, destacamos Os soños de Xulieta, tres videocreacións musicais e teatrais unidas pola simboloxía onírica de Xulieta, persoaxe shakespereano que vive diferentes momentos persoais en tres encadramentos xeográficos do Camiño Inglés. Os soños de Xulieta xorden a partir do espectáculo de teatro do Elefante Elegante Dreaming Juliet, que se inspira no Romeo e Xulieta de Shakespeare para abordar a cuestión máis esencial da existencia humana: o amor.

No capítulo de Ciencia e historia galega pódese ver o documental Produtos Viaxeiros, que xorde da colaboración entre a produtora audiovisual Xinquin e o portal de cultura gastronómica Boísimo, un proxecto creado por GCiencia para divulgar a riqueza da investigación, do produto e da cociña de Galicia.

No eido do Xacobeo, xa é posible contemplar outro audiovisual sobre gastronomía denominado Unha torta de Santiago, proxecto centrado sobre o doce máis coñecido e típico da capital de Galicia, a súa historia e o seu vencello co Camiño. E finalmente, no apartado de música, podemos desfrutar coa Muiñeira de Frades, un videoclip promocional do concerto de presentación do novo disco de Ailá, Elo, que se celebrou no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, dentro do marco do festival Mar de Cultura.

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral da Emigración tenta achegar á nosa colectividade do exterior os contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, de cara a promocionar a nosa lingua e cultura entre as galegas e galegos do exterior.

295 lecturas