Emigración anima a coñecer a exposición Inventio Mundi no Museo da Construción Naval Exponav de Ferrol

A mostra permanecerá aberta ata o próximo 30 de novembro e está organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

A través de diversos paneis amósanse as consecuencias que tivo para Galicia a expedición de Magalhâes e Elcano que partiu fai 500 anos.

Foto: Museo de la Construcción Naval - Exponav Ferrol
Foto: Museo de la Construcción Naval - Exponav Ferrol
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recomenda visitar a exposición Inventio Mundi. A Galicia nas viaxes transoceánicas-Séculos XV e XVII que se pode contemplar ata o próximo 30 deste mes no museo Naval Exponav de Ferrol. 

A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e o Museo de la Construcción Naval - Exponav Ferrol, amosa as consecuencias que tivo para Galicia a expedición Magalhães/Elcano, que partiu hai 500 anos.

Unha trintena de paneis repasan a historia desta época da navegación galega e como esta historia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.

Esta expedición deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.

Inventio mundi recupera a historia de grandes navegantes como Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba; Fernando de Andrade, responsable de varias viaxes oceánicas de Galicia; Gómez Pérez das Mariñas, que navegou polo Pacífico ou Pedro Sarmiento de Gamboa, clave para entender a cartografía da época, entre outros.

Os horarios de visita son de martes a domingo, de 10 a 20 horas e os luns de 10 a 14, e de 16 a 20 h. Para máis información:  www.exponav.org | Facebook | Twitter

En imaxes
312 lecturas