As e os emigrantes retornados poderán optar ao plan de creación de postos de traballo nos centros especiais de emprego de iniciativa social

A Xunta de Galicia acaba de aprobar axudas destinadas a 111 centros especiais de emprego aos que destinará 20 millóns de euros para a inserción de 3.200 traballadoras e traballadores con discapacidade.

Deste xeito, o Goberno galego promove a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo dos centros especiais de emprego co obxectivo de acadar a integración laboral das persoas con dificultades para atopar un posto de traballo.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior ao Consello deste mércores
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior ao Consello deste mércores
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020.

A Xunta de Galicia aprobou no Consello da Xunta celebrado onte elevar a 19,5 millóns de euros as axudas destinadas a apoiar os 111 centros especiais de emprego na Comunidade. Con este investimento financiará o emprego de 3210 traballadoras e traballadores con discapacidade. O programa, cuxas bases se publicarán no DOG antes de que remate este mes de decembro, permite apoiar a creación, ampliación, continuidade e adaptación dos postos de traballo, así como o mantemento do custo salarial dos seus traballadores e traballadoras e a contratación de unidades de apoio. Entre as e os beneficiarios atópanse as persoas emigrantes retornadas. 

Deste xeito, a Xunta mantén o seu compromiso coa economía social para que Galicia poida seguir desenvolvendo un modelo centrado nas persoas, integrador e que proporciona emprego de calidade. 

O obxectivo principal destas axudas, que creceron en preto dun 70 % desde 2016, é promover a integración laboral deste colectivo. De feito, a nova convocatoria inclúe tres programas: o primeiro deles, cun millón de euros de investimento, está dirixido á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego de iniciativa social. A Xunta estima axudar ás entidades na xeración de 42 postos de traballo indefinidos. A contía da axuda será de 12.000 euros por posto creado a xornada completa, que se pode incrementar con incentivos acumulables do 25 % en colectivos como mulleres, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, maiores de 45 anos, persoas emigrantes retornadas ou centros de traballo localizados no rural. Deste xeito, os apoios poderán alcanzar os 30.000 euros. 

O segundo plan, con máis dun millón de euros financiarase os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación indefinida de 88 profesionais para unidades de apoio en centros de traballo, que se prevé que atendan a 554 persoas con capacidades diversas con especiais dificultades de inserción laboral. Neste caso, a contía das axudas será, como máximo, de 2400 euros anuais por cada traballadora ou traballador atendido por este equipo de profesionais.  

Este programa tamén inclúe apoios para a adaptación de postos de traballo e a eliminación de barreiras arquitectónicas con axudas de 2000 euros por posto adaptado. Así mesmo, concederanse axudas para financiar asistencias técnicas que sexan necesarias para a creación, mantemento e mellora dos centros especiais de emprego. Entre outros, financiarase a contratación de persoal de dirección, os traballos necesarios para a obtención de certificados de calidade, estudos de viabilidade, organización e comercialización, asesoramento, auditorías e informes económicos. As contías oscilarán entre os 2000 e os 15.000 euros. 

A terceira das iniciativas está dirixida ao mantemento do custo salarial duns 3210 traballadores e traballadoras dos 111 centros especiais. A axuda para este ano será de 6650 euros por traballadora ou traballador contratado a xornada completa, incrementándose ata os 7980 euros anuais para aquelas e aqueles con especiais dificultades de inserción laboral. 

Nos últimos dez anos, o número de persoas con discapacidade atendidas nos centros especiais de emprego de Galicia multiplicouse por máis de dúas veces e media, pasando das 1296 persoas en 2009 ás 3182 o ano pasado. 

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. Tamén constitúe unha prioridade do Goberno galego. De feito, o orzamento da Consellería de Emprego e Igualdade prevé para 2021 a promoción do emprego inclusivo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social con 23,7 millóns (+10,7%). Activarase así unha nova liña de axudas para o reequilibrio financeiro dos centros especiais de emprego e de empresas de inserción para garantir a súa viabilidade, que contará cun orzamento de 1,7 millóns. 

A Xunta está a traballar polo emprego inclusivo procurando unha maior achega do emprendemento con especial atención á integración laboral das persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

1054 lecturas