As axudas de Emigración incentivan a creación de decenas de empresas

Emprendedoras e emprendedores retornados poden beneficiarse de ata 8.000 € para levantar negocios.

Son compatibles coas doutros departamentos da Xunta ou outras administracións.

Estas axudas son compatibles coas doutros departamentos da Xunta ou outras administracións
Estas axudas son compatibles coas doutros departamentos da Xunta ou outras administracións
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2015.

As galegas e os galegos que saíron cara ao exterior en busca de novos proxectos e agora regresan á súa terra teñen unha gran oportunidade para desenvolver na comunidade o talento adquirido ou perfeccionado fóra. Isto é posible grazas ás subvencións postas en marcha pola Secretaría Xeral da Emigración, cun orzamento global de 100.000 euros e cun tope de 8.000 euros por persoa beneficiaria en caso de ser muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa.

Un impulso, que ademais é compatible e complementario coas axudas establecidas -para todas as fases do emprendemento- para a poboación galega polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tamén as da antiga Consellería de Traballo.

Este último departamento autonómico presenta cada ano as liñas de financiamento para a xeración de novas empresas, para persoas autónomas, emprendedoras e cooperativas, por valor superior aos 27 millóns de euros, cos que apoia o establecemento como traballadora ou traballador autónomo ou por conta propia, e as iniciativas emprendedoras e de emprego.

Con estas liñas de subvencións ao emprendedor, a Xunta materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da resolución de Emigración, preténdese que a pèrsona retornada aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias persoais e profesionais adquiridas no exterior en beneficio de toda a comunidade, cre novos postos de traballo á vez que consolida a súa volta, e ata contemple Galicia como destino para investir o seu patrimonio.

Esta resolución persegue que a ou o retornado poida beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, e tamén que lle sirva de reclamo para coñecer as establecidas polas distintas Consellerías competentes para a poboación xeral.

Deste xeito, incentivarase que os proxectos que teñan en mente as persoas que volven á comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz das experiencias profesionais no exterior. Así mesmo conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego ou galega residente ata agora fóra da súa terra.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento das e dos emigrantes retornados ben como traballadoras e traballadores autónomos ou por conta propia, ben como socias e socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención ata o 80% dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licenzas administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipos informáticos, e fornezo de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomas e autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores si a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 se é muller.

 

Fonte: El Correo Gallego

972 lecturas