Presentación do libro "Federico Mediante. El Salgari español", en Madrid
O martes 21 de novembro ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid, preséntase o libro Federico Mediante. El Salgari español, de Ana Rosa Martínez Loredo.
A autora presenta esta publicación que decidiu chamar "biografía documentada", onde tenta facer unha recensión da vida de Federico Mediante, o seu avó escritor, baseada no ordenamento cronolóxico da abundante documentación que posúe, ao que lle sumou unha narración dos feitos desexando poñer en contexto o que á súa vez lle contaron a ela. Debido a que apareceron persoas interesadas en redescubrir e poñer en valor a figura do que foi o "Salgari español", espertouse nela a obrigación de difundir a súa obra a través deste libro.
Federico Mediante foi unha persoa adiantada á súa época, un vangardista. Con apenas catorce anos asombrou aos seus pais emprendendo unha viaxe a América, en 1902; só por curiosidade e non empuxado pola súa situación económica. Non contento con esta primeira aventura, regresou para participar da guerra que España libraba en África. Terminada a campaña e logo dun pequeno período no seu pobo, volveu a Arxentina e internouse na súa xeografía traballando como actor de circo. Durante a guerra civil viviu en Ribadeo onde traballou para o xornal local "Las Riberas del Eo" e outras publicacións como "Ecos de Galicia". Escribiu a súa primeira novela de aventuras A orillas del Pilcomayo, xénero do que foi pioneiro en lingua castelá. Posúe unha numerosa produción literaria. 273 obras son da súa autoría. Escribiu novelas curtas de aventuras e policiais, gañando o alcume de "o Salgari español".
A pouco de cumprirse o centenario da súa primeira publicación, o obxectivo da autora é dar a coñecer e difundir a súa vida e obra poñendo en valor a súa contribución á alfabetización do pobo con publicacións curtas, de fácil e amena lectura de baixo custo.
