Presentación de "Aurelia quiere oír", de María Rosa Iglesias, en Lugo
O luns 19 de agosto ás 20:00 h, no Museo Provincial de Lugo e no marco do proxecto Culturas en Diálogo, preséntase Aurelia quiere oír, de María Rosa Iglesias.
- Aurelia, a protagonista desta novela, emigra á Arxentina aos cinco anos, durante a segunda gran onda migratoria das décadas do 50 e do 60 do século XX. É campesiña e galega pero ademais chega cun déficit auditivo que dificulta seriamente a súa aprendizaxe, a súa integración e a súa sociabilidade. O hipoacúsico está entre dous mundos, entre os sons e o silencio. O inmigrante cambaléase entre a nostalxia e a necesidade de reconstruírse e adaptarse. Aurelia quere oír reflicte as contradicións para construír unha nova identidade, a loita interior para elaborar as perdas afectivas, culturais e sensoriais, a proxección dun futuro propio que nunca será o soñado, os conflitos e fracasos. Dilemas retratados con realismo e empatía. María Rosa Iglesias constrúe un texto de ficción ancorado na súa propia experiencia como hipoacúsica e inmigrante.
- María Rosa Iglesias López (Santiago de Compostela). Na década do 50 chegou a Bos Aires xunto coa súa familia. É narradora e poeta. Algúns dos seus poemas e contos foron publicados en diversos medios. Os seus relatos obtiveron premios en España e Arxentina. Participou do libro Temas de patrimonio cultural nº 20. Buenos Aires gallega, inmigración, pasado y presente. (Comisión para a Preservación do Patrimonio Cultural da Cidade Autónoma de Buenos Aires, 2007) dentro do marco das Xornadas da Emigración Galega. Unha crónica da súa recuperación auditiva despois dun implante coclear e varios dos seus contos e poesías aínda permanecen inéditos. Esta é a súa primeira novela.
Máis info: redemuseisticalugo.org | Facebook

Evento:
Presentación
Organiza:
Rede Museística Provincial de Lugo
Asociación Rioplatenses de Lugo
Data:
19.08.2019
Hora:
20:00
Lugar:
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade, s/n
Lugo - 27001 Lugo España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta:





