Inauguración da exposición "51 Páxinas das Nosas Letras", en Madrid

Listen to this page using ReadSpeaker
919 lecturas

O xoves 8 de maio ás 19,30 h., na Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid, inaugurarase a exposición 51 Páxinas das Nosas Letras, unha iniciativa do Parlamento de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, que naceu para render homenaxe ás autoras e autores aos que se lle dedicou o Día das Letras Galegas desde a súa institución en 1963.

Ao cumprirse o 50 Aniversario da instauración por parte da Real Academia Galega, do Día das Letras Galegas, o Parlamento de Galicia patrocina e organiza unha exposición itinerante conmemorativa desta efeméride. A exposición consta de 51 medallas en baixo relevo das caricaturas das e dos persoeiros aos que lle foi dedicado o Día das Letras Galegas. Poderá visitarse ata o 28 de maio, en horario de 10,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 20,00 h.  e os festivos de 10,00 a 14,00 h.

A mostra dedica un panel a cada un dos autores e autoras e está integrada polas Medallas das Letras Galegas pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Reproducen a faciana das homenaxeadas e dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Complétase a exposición con paneis que dan conta das biografías e as principais obras das autoras e autores que foron elaborados por diferentes académicos da Real Academia Galega, na busca dun achegamento ao universo literario de Galicia.

 

Inauguración da exposición "51 Páxinas das Nosas Letras", en Madrid
Evento: 
Exposición
Organiza: 
Parlamento de Galicia
Data: 
08.05.2014
Hora: 
19,30
Lugar:
Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid
Casado del Alisal, 8
Madrid - 28104Madrid
España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta: