Inaguración da mostra en homenaxe ao debuxante Geno Díaz

Listen to this page using ReadSpeaker
1231 lecturas

Federación de Asociaciones Gallegas

DE LA REPUBLICA ARGENTINA

Personería Jurídica otorgada por Res. N° 000126 de la I.G.J.

e-mail: fedegaleg@hotmail.com

947 – CHACABUCO – 955 (1069) Buenos Aires Tel.: 4300 –1790

 

O sábado 13, ás 18, con entrada libre e gratuíta no Salón Airiños

INAUGURAN MOSTRA EN HOMENAXE AO DEBUXANTE GENO DÍAZ 

A "Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina" invita á comunidade á inauguración da mostra "Geno, un gallego de Mataderos", que terá lugar o próximo sábado 13 de marzo, ás 18, no Salón Airiños da nosa institución, situado no 2º piso de Chacabuco 955, do porteño barrio de San Telmo.

A exposición, que se estenderá ata o 27 do actual, repasará a vida do recordado escritor e guionista Geno Díaz (1926-1986), exhibindo debuxos do seu libro "Emigrantes" -dedicado á colectividade galega-; cerámicas ilustradas polo autor, novelas e outras publicacións, así como distintos obxectos relacionados coas súas múltiples actividades culturais.

Os organizadores da mostra explicaron que terá dous eixes fundamentais: o seu vínculo co porteño barrio de Mataderos e a súa estreita relación con Galicia, sinais particulares inconfundibles da personalidade deste recordado artista.

O lugar da exposición foi elixido polos seus familiares debido ao forte vínculo que Geno Díaz tiña coa colectividade galega e coa Federación de Sociedades Gallegas en particular. En 1961, unha das súas primeiras exposicións de pintura realizouna na sala de arte da Federación. Dous anos despois, realizou outra mostra no Centro Lucense.

 

No Salón Airiños, poderanse observar tamén fotos da súa vida, as súas amizades, as súas relacións profesionais e o seu gusto musical, xa que a música ambiental que se escoitará son pezas tocadas por el mesmo no piano ou algunhas das súas preferencias musicais, dentro do tango, o jazz ou a canción melódica. Estes rexistros foron rescatados e dixitalizados polos seus familiares porque é parte do legado que deixou este notable home da cultura local.

Así mesmo, emitirase un fragmento dunha entrevista televisiva de ton intimista que lle efectuou en 1984 o animador Marcelo Simón para o programa "Arxentina por arxentinos", que emitía por aquel entón Argentina Televisora Color (ATC), hoxe Canal 7.

 

A mostra, que culminará o próximo 27 do actual, poderá visitarse -con entrada libre e gratuíta- de mércores a sábados, de 17 a 20.

Datos Biográficos

Geno Díaz  naceu e morreu en Bos Aires (1926-1986). Foi músico, debuxante, pintor, ilustrador de cerámicas, actor, humorista gráfico, animador de café-concert, xornalista, novelista e guionista de televisión. Naceu no barrio de Mataderos e estudou nas escolas de arte Manuel Belgrano e Prilidiano Pueyrredón, onde tivo como mestre a Lino Spilimbergo.

O seu pai, Antonio Díaz, foi un dirixente da colectividade emigrada, dirixiu o Centro Coruñés, estivo na mesa organizadora do congreso de 1956 e era amigo persoal dos principais líderes do nacionalismo en Bos Aires, como José B. Abraira, Ricardo Flores, Benito Cupeiro, Manuel Pedreira, entre outros.

Conectado familiarmente á colectividade galega, Geno Díaz trabou amizade con Luis Seoane e con Isaac Díaz Pardo. Xunto a este último traballou na fábrica de cerámicas de Madalena entre 1958 e 1962. Por eses anos, realizou exposicións pictóricas no Centro Lucense e na Federación de Sociedades Gallegas.

Despois da experiencia na fábrica de Díaz Pardo, dedicouse á venda de cerámica propia e empezou a incursionar no humorismo gráfico. No programa televisivo "Bos días, moito gusto" ilustraba en vivo unha peza musical, debuxando sobre un vidro a contra luz. Deses anos proceden algúns libros de debuxos, como Cincuenta gatos por dez pesos, que é unha sorte de recreación do libro de Castelao Cincoenta homes por deas reás.

Coñeceu Galicia en 1971 e alí reencontrouse coas súas raíces galegas. Traballando para medios españois, realizou un mapa de Galicia, que se comercializou na península, realizou óleos e debuxos de Betanzos, cidade onde se instalou nas súas catro viaxes a España, e retratou o emigrante galego tanto nas súas novelas coma nun libro de debuxos humorísticos chamado, precisamente, Emigrantes.

Nos anos 70 e 80 publicou varias novelas policiais. A primeira delas foi Los insulsos, que logo será levada ao cine por Sergio Renán co título Sentimental. Outras das súas obras foron Moriré sen coñecer Disneylandia, La cova do chancho, Bazar de 0,95, Cinzas e fatigas, Quermese. Tivo ao seu cargo os monólogos nacionais de Tato Bores entre 1983 e 1985. Faleceu dunha enfisema pulmonar aos 59 anos.

03 MAR 2010

Evento: 
Exposición
Data: 
13.03.2010
Lugar:
España