Exposición "As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido", en Vigo

Listen to this page using ReadSpeaker
136 lecturas

Do mércores 6 de marzo ao domingo 26 de maio pode visitarse na Casa das Artes de Vigo a mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, unha exposición do Consello da Cultura Galega coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Vigo.

  • Un proxecto comisariado por Xesús Fraga, con deseño expositivo de Pepe Barro
  • Montaxe: Expo.gal
  • Coordinación de produción: Emilia García López

Dúas mulleres na cuberta dun barco. Nai e filla. A rixidez das posturas, sen saber moi ben como posar ante a cámara, fálanos de que este non é o seu elemento natural. Deixan a veiga polo mar —como escribiría moitos anos antes Rosalía— ao embarcar no buque que as convertería en emigrantes galegas en Inglaterra e cuxo nome se le no bote salvavidas: Montserrat.

Esta fotografía —nai e filla, cos anos avoa e nai— forma parte dunha cartografía emocional trazada nos testemuños de centos doutras viaxes. Aquelas travesías aboian en relatos que consagraron o Montserrat, e o seu xemelgo Begoña, como seres míticos doutro tempo.

Entre 1960 e 1974 uns 250 000 galegos e galegas deixaron as súas veigas por un mundo que aínda non viran, pero no que traballarían e fundarían familias e negocios, outras veces faríano na propia terra, onde tamén levantaron casas grazas ás divisas e aforros, amobladas coas pertenzas e lembranzas da súa vida emigrante.

Esta exposición recupera, a través de fotografías, filmacións, documentos e obxectos náuticos e cotiáns, xunto con outros materiais, aquelas viaxes entre os portos galegos e británicos. É a memoria emocional de varias xeracións que cambiaron o rumbo das súas vidas e, con el, tamén o do seu país: As xeracións do Montserrat.

Folleto informativo: Descargar

Horario de visita:

  • De luns a venres: de 18:00 a 21:00 h
  • Sábados: de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h
  • Domingos e festivos: de 12:00 a 14:00 h
  • Semana Santa (de xoves 28 a domingo 31 de marzo): de 10:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h

Máis info: consellodacultura.gal

Exposición "As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido", en Vigo
Evento: 
Exposición
Organiza: 
Consello da Cultura Galega
Xunta de Galicia
Concello de Vigo
Data: 
06.03.2024
26.05.2024
Lugar:
Casa das Artes
Policarpo Sanz, 15
Vigo - 36201Pontevedra
España
booked.net