Exposición de pintura "Salitre", de Amalia Costa Bouzas, en Madrid

Listen to this page using ReadSpeaker
154 lecturas

O luns 13 de marzo ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid, inaugúrase a exposición de pintura Salitre, de Amalia Costa Bouzas.

  • Esta pintora, natural de Muros, preséntanos unha obra que está definida pola cor, máis que pola forma. Trátase dunha colección de 12 pezas presentadas baixo o título Salitre, un conxunto de paneis de grandes dimensións que basean a súa forza nesa excepcionalidade pictórica de Amalia: a artista constrúe unha pintura que non necesita de moitas explicacións para ser absorbida como experiencia sensorial abafadora, unha ‘fascinación’ entre visual e táctil.

  • Salitre fala da Ría de Muros; esta ría domina a realidade, condénsaa. A liña de costa, moi próxima; a baixamar, deixando ás descuberto pozas con vida incipiente, algas e peixes diminutos; a orixe de todo. A artista pretende darlle valor ao próximo, todo o máis próximo. Non busca o exotismo, nin o fantástico nos seus excesos. Quere expresar sentimentos apoiándose no que coñece, no que sempre está con ela, rodeándoa; tan preto que ás veces nin sequera reparamos niso.

  • Amalia pinta os seus ‘recordos’ de Muros. A súa temática, segundo ela mesma declara, é simplemente ‘o mar’. Un tema que provén da memoria da infancia, e preséntase como unha amálgama de sensacións ‘primarias’ expresadas nunha linguaxe visual moi poderosa. Pero que é o mar: o mar de Amalia é o ‘caldo primixenio’ onde se forma a mancha da vida, a metáfora é máis ben unha pinga de auga analizada ao microscopio: ‘Non pinto o océano, senón unha poza’. Aí hai un ‘mundo’ de ‘obxectos’ misteriosos. Poden ser boias, redes, barcas, os reflexos das ondas, ou o salitre... pero tamén son os animais fantasiosos do medo submarino, os liques, as algas, os misterios da profundidade do mar. 

  • Amalia Costa cursou estudos na Universidade de Santiago de Compostela. Participou na exposición itinerante da Deputación da Coruña no ano 2010, Arte na Provincia II. Recibiu o premio Crearte na Universidade, 2016. Participou nas edicións de 2017 e 2018 na mostra de pintura PASEARTE, en Santiago de Compostela. Realizou diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, para os concellos de Muros e A Pobra do Caramiñal.

Datas e horario de visita: ata o 31 de marzo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Festivos: de 10:00 a 14:00 horas.

Exposición de pintura "Salitre", de Amalia Costa Bouzas, en Madrid
Evento: 
Mostra
Organiza: 
Casa de Galicia en Madrid
Data: 
13.03.2023
31.03.2023
Hora: 
19:30
Lugar:
Casa de Galicia en Madrid
Casado del Alisal, 8
Madrid - 28014Madrid
España
booked.net
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta:
Ciclo Mestre Mateo de cine galego, en Rosario
17.05.2023, 25.05.2023, 08.06.2023, 29.06.2023
Ciclo Mestre Mateo de cine galego, en Vitoria
17.05.2023, 25.05.2023, 08.06.2023, 22.06.2023