Exposición de pintura "Estampas de Compostela", de Plácido Amboage F., en Madrid

Listen to this page using ReadSpeaker
260 lecturas

O martes 2 de febreiro ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid, inaugúrase a exposición de pintura Estampas de Compostela, de Plácido Amboage Fernández.

  • A mostra, composta por un conxunto de obras realizadas en tinta chinesa e acuarela, está dedicada en exclusiva á capital de Galicia, a súa cidade natal, e aos seus recunchos máis icónicos e inéditos realizados in situ polo autor con plumilla empregando ás veces o branco e negro da tinta chinesa e outras a cor.
  • Segundo Unai González, prologuista do catálogo desta exposición, o artista pretende que "os visitantes, con ollos ávidos de morriña e saudade, poidan ver nos diferente cadros, paisaxes dos seus recordos e vivencias desde un punto de maxestosa técnica que mestura realismo con maxia, costumismo e tradición, crenza e superstición".
  • Nesta colección de obras plasma os lugares máis destacados de Compostela, como a Rúa do Vilar, ou a Rúa Nova, así como a Torre do Reloxo ou Berenguela, a propia catedral e as súas torres desde o Paseo da Ferradura, que nos transportan a lugares que merece a pena visitar e gozar a través dos sentidos.
  • Plácido Amboage naceu en Santiago de Compostela (1945). Despois de cursar estudos de bacharelato nesta cidade trasladouse a Madrid, para ingresar na Escola de Artes e Oficios, onde obtivo o título de delineante e de debuxante publicitario. Posteriormente regresou á súa cidade natal, onde cursou estudos de Dereito e, na actualidade é funcionario da Administración de Xustiza.
  • Realizou exposicións en varias ocasións, en Santiago (exposición de óleos na aula de Cultura da Caixa de Aforros de Galicia, 1982, e a exposición A paixón de Cristo, en base aos gravados de Gustavo Doré, no Centro Cultural de Vite, 2006), en Vilagarcía (Paisaxes de Santiago, na Casa do Mar, 1990 ) ou en Boiro (exposición de óleos Xesucristo, na sala de exposicións O Faiado, 2004), participando tamén en exposicións colectivas como no Certame das Balconadas en Betanzos ou no Certame Unión Fenosa (Mostra IV. A Coruña).
  • Conta con distintos premios, como o Premio Nacional de Deseño Gráfico "San Froilán 86", "A Semana Verde de Galicia", celebrado en Silleda, ou "A Segunda Semana do Mar" en Ribeira.

Datas da exposición: do 02.02.2022 ao 27.02.2022

Horario de visita: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas - Festivos: de 10:00 a 14:00 horas.

Exposición de pintura "Estampas de Compostela", de Plácido Amboage F., en Madrid
Evento: 
Mostra
Organiza: 
Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid
Data: 
02.02.2022
27.02.2022
Hora: 
10:00
Lugar:
Casa de Galicia en Madrid
Casado del Alisal, 8
Madrid - 28014Madrid
España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta: